BlackBerry anuncia un novo móbil e prepara o salto do seu Messenger a iOS e Android

martes, 14 de maio do 2013 Marcus Fernández

Orlando acolleu hoxe a celebración dunha presentación coñecida como BlackBerry Live na que déronse a coñecer numerosas novidades da compañía canadense antes coñecida como RIM, aproveitándose o encontro para repasar a traxectoria da nova plataforma BlackBerry 10 (que xa conta con 120.000 aplicacións descargables en BlackBerry World) e que vén de estrear versión 10.1 para BlackBerry Z10 coa que recibe a aplicación de Skype, aínda que máis destacable foi a presentación do novo smartphone BlackBerry Q5, que será un terminal con teclado QWERTY e BlackBerry 10 destinado a mercados emerxentes.
O BlackBerry Q5 conta cun teclado clásico de BlackBerry, cunhas teclas redeseñadas para axudar a teclear dun xeito rápido e preciso. Tamén conta cunha pantalla de 3,1 polgadas, procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 2 Gb de RAM e cámara de 5 Mpíxeles, aspirando a suceder espiritualmente aos Curve de BlackBerry, chegando ao mercado a un prezo máis asumible que o dos BlackBerry Q10.
Pero aínda que presentar un novo móbil poida resultar moi rechamante, houbo un anuncio que causou un impacto aínda maior, pois durante o evento de hoxe anunciouse oficialmente que BlackBerry Messenger (BBM) transformarase nunha solución multi-plataforma o vindeiro verán, estreando aplicacións para iOS e Android (dependendo a data de estrea destas aplicacións ás aprobacións para incorporarse na App Store e en Google Play). Deste xeito, os usuarios de móbiles BlackBerry poderán comunicarse con usuarios doutros smartphones, no que parece unha decisión pensada en contrarrestar a universalidade de WhatsApp, aínda que parece que vai chegar moi tarde, pois cada vez hai máis solucións de mensaxería instantánea loitando por gañar peso no móbil.
Na primeira versión do BBM para iOS e Android poderanse usar os chats de BBM e chats multi-usuario, compartir notas de voz e formar grupos de ata 30 persoas coas que poder compartir calendario, fotografías, ficheiros...

O BlackBerry Q5 presentouse en 3 cores distintas

PUBLICIDADE