Björk anima a piratear as aplicacións que acompañan ao seu novo disco

xoves, 4 de agosto do 2011 Fernando Sarasketa

En cuestión de dispositivos móbiles, non hai toda a compatibilidade e estandarización que debera. Ou sexa, que levamos anos traballando para que todo encaixe mellor dende o punto de vista técnico e tecnolóxico, pero marcas como Apple probabelmente leven a protección do seu moi lonxe. Polo menos, así opina a cantante islandesa Björk, que anda a presentar novo traballo, Biophilia, e, como a unha boa parte dos artistas, gustaríalle que se acadase para a súa obra a máxima repercusión e distribución. Esta é a razón das súas declaracións máis recentes, nas que apelaba aos non seareiros do dito aparello para adaptar a outros dispositivos as aplicacións específicas que deseñou para o novo disco.
As declaracións, que veñen da man de Drowned in Sound e que reflicte polo miúdo a web portuguesa Cotonete, semellan que foron unha saída das normas máis ou menos protocolarias que acompañan ás presentacións das obras discográficas. De feito, o seu convite aos “non seareiros dos aparellos de Apple” comezou cun “eu non debía dicir isto” e proseguiu co miolo da mensaxe en si mesma: “Pero confío en que tódolos piratas que andan por aí non ficar parados, por iso tivemos o coidado de deseñar as aplicacións deixando a posibilidade de seren transferidas para outros sistemas”.
Segundo se engade hoxe na Rede, a cantante dirixiuse con estas verbas a tódolos piratas que aposten por sistemas alternativos aos de Apple como Android ou Blackberry. En certa maneira, a cantante islandesa advertiu da trampa e, tamén, de cómo solucionala. Ou sexa, que dixo que as cancións, sobre o papel e en base ao contrato asinado con Apple, só debían estar dispoñíbeis para os produtos desta casa (iTouch, iPhone e iPad), pero tamén dixo que é posíbel adaptalas a outros terminais.
Queda por saber o que lle parece isto á multinacional da mazá.
Cómpre sinalar que este novo traballo é o oitavo da carreira de Björk, e que inclúe unha serie de cancións con cadansúa aplicación móbil: xogos ou presentacións interactivos.

PUBLICIDADE