Bixby non terá recoñecemento de voz de saída

mércores, 12 de abril do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro 21 de abril chegarán ás tendas os teléfonos Samsung Galaxy S8 e S8+, presumindo das súas pantallas Quad HD+ de 5,8 e 6,2 polgadas con bordes redondeados e unhas prestacións que os sitúan á cabeza do sector, pero que veñen cunha prestación bastante discutible: un asistente virtual desenvolvido por Samsung que incluso conta cun botón físico dedicado para invocalo.
Este servizo de intelixencia artificial chámase Bixby, e está a provocar certa polémica principalmente polo énfase que Samsung está a facer neste tecnoloxía claramente inmatura, o que non só resulta evidente polo feito de que polo momento só funcione de xeito completo en inglés (e só con algúns acentos) e en coreano, senón porque veñen de informar de que a funcionalidade de voz de Bixby nin sequera estará dispoñible nos EE.UU. o 21 de abril, senón que haberá que agardar semanas para ver esta funcionalidade operando. Outros elementos de Bixby como a busca visual ou os recordatorios si funcionarán.
Confíase en que no verán Bixby pase a falar español (posiblemente con acento mexicano) o que fai que a presenza dun botón físico para activar unha prestación a medias resulte un dos puntos máis negativos destes novos smartphones aos que inicialmente só criticaban pola mala situación do seu lector de pegadas dixitais (a un lado da cámara traseira, o que provoca moitos contactos accidentais dos dedos coa cámara, emporcando o obxectivo).

PUBLICIDADE