Bing superou efimeramente a Yahoo!

martes, 9 de xuño do 2009 Marcus Fernández

O pasado día 4 Bing foi capaz de superar a Yahoo! coma buscador

Dende StatCounter están a especializarse en difundir novas imprecisas (como ao asegurar que navegador móbil de Opera supera en uso ao iPhone) e agora comentan que Bing, o novo buscador de Microsoft, supera a Yahoo!, o que non deixa de ser un dato puntual provocado pola curiosidade que probaron o novo servizo durante os días do seu lanzamento, pero que non se trata dunha tendencia, o que é claramente comprensible, pois tamén cómpre ter en conta que o buscador está en probas fóra dos EE.UU. (cuns resultados incompletos que dificilmente o sitúan como alternativa a outros buscadores).
Puntualmente Bing logrou o 13,39% do tráfico web norteamericano (5,56% se falamos a nivel global) durante o pasado día 4, mentres que Yahoo! quedou nun 9,05% en Norteamérica (5,17% mundialmente), pero que foi un dato fugaz, pois na actualidade Yahoo! ten máis do dobre de usuarios (en calquera ámbito) que Bing, o que non é en absoluto insignificante, pois estamos a falar dun produto moi novo, resultando abraiante que chegue a percibirse estatisticamente a nivel global.
Supomos que nos vindeiros meses, cando madure o buscador e poida ser integrado coma buscador recomendado en navegadores coma o Internet Explorer 8, a popularidade de Bing poderá mellorar para converterse nunha alternativa a outros buscadores actuais, especialmente por certas innovacións incorporadas ao servizo (que aínda son invisibles dende España).

PUBLICIDADE