Bill Gates inaugura o salón CES de Las Vegas e aposta polo entendemento entre os aparellos tecnolóxicos

luns, 8 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Como cada ano e dende hai nove (con este dez), o presidente de Microsoft, Bill Gates, deu no Venetian Hotel a benvida oficial ós visitantes e participantes dunha nova edición da Feira Internacional da Electrónica de Las Vegas (CES).
Desta vez, o seu discurso de apertura xirou arredor dunha idea que non é nova pero que, de xeito ás veces incomprensible, non se dá levado á práctica por moito que vaia cara a diante a tecnoloxía, ou, precisamente por iso. Falamos (falou) da necesidade de acadar unha mesma linguaxe para tódolos aparellos electrónicos que temos ó noso arredor: reprodutor de música, consola de videoxogos, computador ou móbil.
Gates, quen tamén aproveitou para falar da súa empresa e do produto estrela que ten neste intre entre mans, o sistema operativo Vista (que se pon á venda a finais deste mes para tódolos posibles clientes), asegurou que a compañía que dirixe vai facer todo o posible por conseguir un idioma/conexión común na tecnoloxía do fogar e do oficina. Dito doutro xeito: acadar dunha vez por todas un escenario real de fogar dixital.
Na súa visión da vivenda do mañá (que é a visión de Microsoft, e, probablemente exclusiva para clientes de Microsoft) poderemos levar de verdade a práctica unha das frases que máis á lixeira se ten empregado dende que os fogares son fogares: “Na miña casa mando eu”.
Así, até poderemos elixir a música que lles poñemos ós nosos fillos sen necesidade de estar na propia casa co fin de premer en persoa no botón de play do reprodutor de música. Gates fixo fincapé no que podería ser a primeira pedra da dita linguaxe, mais sen especificar se falaba ou non dunha linguaxe específica e exclusiva para os usuarios de produtos de Microsoft (repetimos: seguramente si): un servidor que conecta os datos albergados nos computadores, as consolas de xogos Xbox e os reprodutores de audio Zune.
O aparello é unha torre de memoria desenvolvida man a man con HP que permite chegar ós datos almacenados dende fóra da casa ou da oficina (custará entre 400 e 500 dólares).
Este sistema significaría, segundo Gates, un bo xeito de comezar a liberarnos da necesidade de ir de aquí para alá unha manchea de aparellos, dende móbiles a cámaras de fotos, pasando por computador portátil ou cámara dixital.
En definitiva, que xa está ben de descubrírmonos tratando de cambiar as canles de televisión co móbil ou collendo unha chamada telefónica co reprodutor MP3.

PUBLICIDADE