Bic Galicia promove a creación de empresas de base tecnolóxica ligadas ás humanidades

venres, 28 de outubro do 2011 Raquel Noya

Bic Galicia, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria que leva máis de 20 anos fomentando o espírito emprendedor e apoiando a creación de empresas no noso país, vén de apostar pola integración das TIC nos eidos das humanidades e a as ciencias sociais (sectores que nos tiñan menos afeitos ás novas tecnoloxías), e faino promovendo a creación de empresas de base tecnolóxica e académica nos ámbitos de ámbalas dúas disciplinas.
O proxecto, que leva por nome Humaniza, xorde dun convenio de colaboración que Bic Galicia asinou coa Unidade de Apoio á Creación de Empresas do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), mediante o cal se pretende elaborar un banco de ideas de negocio dos ámbitos das humanidades e as ciencias sociais, e un banco de casos de éxito das empresas de base académica creadas, “así como unha relación de posibles promotores e grupos interesados en participar nun programa de apoio ao emprendemento neste ámbitos”, engaden os seus precursores.
Máis polo miúdo, o proxecto vai dirixido a persoal investigador e docente universitario das devanditas áreas do CSIC para que identifiquen o coñecemento, as necesidades específicas do emprendemento e as potencialidades para a súa transferencia no mercado, e a partir daí elaboren un portfolio de servizos dispoñibles para acelerar a creación de empresas de base tecnolóxica e académica.
A iniciativa tamén persegue dar a coñecer boas prácticas en creación de empresas de base académica, “para procurar que sirvan de referencia para outros emprendedores”, indican, e, por outra banda, acelerar a posta en marcha de novas empresas apostando pola súa maduración tecnolóxica e a súa consolidación financeira.
Dentro deste acordo de colaboración entre BIC Galicia e a Unidade de Apoio á Creación de Empresas do CSIC desenvolveuse onte en Santiago un encontro que contou coa presenza de representantes tanto do ámbito empresarial como do investigador na contorna universitaria, para darlle pulo á posta en marcha do proxecto Humaniza na nosa comunidade.

PUBLICIDADE