Bibliotecas dos Estados Unidos impulsan o préstamo de ebooks á marxe dos principais distribuidores

xoves, 15 de xaneiro do 2015 Redacción

As bibliotecas públicas teñen ante si un reto importante para o seu futuro co afianzamento dos libros electrónicos. O reto, como calquera reto, ten dúas faces. Así, dependendo de que lado da rede caia a pelota, o fenómeno ebook pode ser un atranco (dalgunhas editoriais poñen trabas en materia de licenzas por mor dos supostos riscos que terían para os seus dereitos e os dos seus autores) ou unha vantaxe. Co fin de que asegurar que o resultado sexa positivo, algunhas bibliotecas públicas norteamericanas están a crear plataformas para a adquisición de libros electrónicos co fin de romper ataduras con respecto aos agregadores principais. O seu obxectivo final, unha vez acadada infraestrutura tecnolóxica precisa, é seren en si mesmas editoras de libros electrónicos.
Para comezar, o que queren as devanditas bibliotecas é asegurar que os libros electrónicos acheguen o factor de “dispoñibilidade total” do que potencialmente carecen os libros tradicionais (que algunhas vez están en empréstamo e outras non). Deste xeito, en caso de sermos usuarios dunha biblioteca e solicitarmos unha obra, aquela pode adquirila de contado nun dos servizos de contidos cos que teña acordo. Resultado: teremos o libro solicitado ao momento no noso dispositivo.
En Estados Unidos este fenómeno está acadar un importante desenvolvemento, en parte grazas ás plataformas de distribución máis avanzadas, que chegaron a acordos con potentes editoriais do país para colocar os seus lanzamentos electrónicos nas tendas de seu ou ben a disposición dos bibliotecarios (que mercarían nas tendas directamente os ebooks solicitados polos lectores). Segundo lembra Eldiario.es, este xeito de facer as cousas vaise a afianzar tamén en España da man do establecemento dixital OdiloPlace, de raizame española e operando en Estados Unidos con 60.000 obras dispoñíbeis para todos os dispositivos. Por certo que Odilo ten arestora acordos con redes de bibliotecas de tres estados norteamericanos, Colorado, Michigan e Alaska.
Segundo engade o dito medio dixital, amais de Odilo tamén están a impulsar este xeito de facer as cousas empresas como OverDrive ou 3M Cloud Library, plataformas que posibilitan a compra directa por parte dos bibliotecarios, fenómeno que en parte é posíbel grazas aos orzamentos públicos (amplos) dos que dispón a cultura nos devanditos estados. A aposta polo libro electrónico nestas bibliotecas, sinálase, xa está a amosar importantes repercusións de futuro. Por exemplo: contémplase a posibilidade de que as bibliotecas se convertan en editoras. O feito de transformarse en posíbeis editoras, ademais, podería ser un pulo importante para a autoedición e para a publicación das obras dos escritores locais e os usuarios das propias bibliotecas. Por certo que segundo informes recentes, dez bibliotecas públicas de Estados Unidos superaron en 2014 o millón de préstamos de libros electrónicos.

PUBLICIDADE