Betabeers pechará o calendario de 2014 na Cidade da Cultura

mércores, 3 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Os encontros para desenvolvedores web e de aplicacións móbiles Betabeers Galicia rematará o presente ano cun encontro en Santiago de Compostela, concretamente no espazo de coworking de Galicia Open Future sito na Cidade da Cultura de Galicia. Esta XVI edición desenvolverase o mércores 10 de 19:30 a 21:00 horas e centrarase nun relatorio técnico de Xoán González Díaz, de SetPay, quen dará conta da tecnoloxía Blockchain, na que se basea Bitcoin.

O concepto de Todoencasa e o seu desenvolvemento darase a coñecer neste encontro

No caso da criptomoeda Blockchain serve para manter un libro de contas público e compartido, pero esta tecnoloxía ten un grande potencial ao permitir a individuos acadar un consenso sen un terceiro de confianza, polo que é unha tecnoloxía disruptiva que non só pode aplicarse ao sector financeiro, senón que supón un importante avance na descentralización da Internet.

Tras esta charla técnica presentaranse un par de proxectos: Paulo Bustelo Codesido amosará Todoencaja, un revolucionario servizo de aluguer de rochos que pode xestionarse a través da Internet, e que desenvolveuse mediante o framework Meteor; e Rafa Couto presentará o proxecto Coding Escornabot, realizado polos membros de Bricolabs Coruña, e que consiste nun robot programable que pode montarse a partires de pezas impresas e electrónica sinxela, que supón unha boa achega ao hardware e software libres por parte dos máis novos.

Tras estas actividades formais, os participantes no encontro dirixiranse á Cantina do Gaiás para continuar cunha sesión de networking.

O Escornabot é un proxecto de hardware e software libres que amosarase nesta nova edición de Betabeers

PUBLICIDADE