Besteiro abre unha nova canle en WhatsApp para achegarse á cidadanía

martes, 28 de novembro do 2023 S. P.

O candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes 28 de novembro a apertura da súa nova canle de WhatsApp. O responsábel socialista anunciou a través dunha mensaxe en primeira persoa esta nova vía de comunicación coa cidadanía que incrementa a súa presenza nas principais redes sociais.
Besteiro explicou que “esta canle de difusión de WhatsApp permitirá que os seus seguidores poidan manterse informados dun xeito directo e próximo sobre a súa actividade como deputado no Congreso e o seu labor como candidato á presidencia da Xunta de Galicia”.
Cunha mensaxe selfie de benvida, gravada polo propio Besteiro, puxo en marcha este servizo de difusión que, segundo indicou, permitirá a toda a cidadanía interesada acceder a outro tipo de contidos mediante unha ligazón específica ou ben buscando a canle no directorio de WhatsApp do apartado Novidades.
Segundo indicaron fontes do PSdG, esta canle vén completar os medios de difusión de novas e da actividade do candidato despois da boa acollida dos seus perfís nas redes sociais como Instagram, Facebook, X (antiga Twitter) e Tik Tok. Besteiro xa dispón de contas oficiais cunha comunidade dixital de máis de 11.000 persoas e “medrando a un ritmo elevado”, sinalan os socialistas galegos.

PUBLICIDADE