Bertamiráns e Milladoiro acollerán obradoiros de empoderamento TIC para as mulleres

xoves, 26 de setembro do 2019 Redacción

Bertamiráns e Milladoiro (concello de Ames) van ser un fervedoiro de actividades formativas TIC, máis polo miúdo as aulas de informática das Casas da Cultura de cada unha das localidades. Trátase dun programa de capacitación que terá, ademais, o engadido extra de poñer o foco en incrementar a empregabilidade das mulleres. As accións, catro obradoiros, virán da man da asociación Otro Tiempo, baixo o título xenérico Manexa as novas tecnoloxías e a comunicación para a túa autonomía.
Partindo das ferramentas que facilitan as novas tecnoloxías, os obradoiros buscan o impulso laboral das participantes mediante a posta en marcha de estratexias para atopar emprego ou de desenvolvemento dos seus propios emprendementos.
Segundo informa o Concello de Ames, nos diferentes cursos traballarase con dinámicas que axuden ao “empoderamento persoal para facilitar a procura de emprego”. O principal obxectivo do programa é contribuír ao impulso social e económico das mulleres en situación de vulnerabilidade social, “para que participen plenamente na vida social, económica e cultural”. Así, os obradoiros pretenden “fomentar a redución da brecha dixital, facilitar o acceso das mulleres ás novas tecnoloxías como ferramenta de inserción socio-laboral, promover o autoemprego e construír alianzas e redes solidarias para o intercambio de recursos socio-laborais”.
O programa contempla a realización de catro obradoiros. O primeiro, que leva por título Coñécete, valora as túas competencias, servirá para que as mulleres participantes identifiquen as súas capacidades, os medios e o camiño para “seren donas das súas eleccións vitais”. Definiranse os obxectivos persoais e profesionais e aprenderase a elaborar un currículo por competencias.
O segundo dos obradoiros, Receitas dixitais para acadar os teus obxectivos, buscará vencer as resistencias tecnolóxicas e a usar diferentes ferramentas online para atopar traballo e/ou poñer en marcha un plan de autoemprego: TIC imprescindíbeis, webs, aplicacións móbiles e redes sociais, recursos de procura laboral, como elaborar un currículo creativo, plataformas para dar a coñecer un proxecto de autoemprego e estratexias para ampliar a rede de contactos.
O obradoiro Máis que palabras, aprópiate da comunicación servirá para adestrar ás participantes en habilidades de comunicación precisas para resolver conflitos, falar en público con seguridade, encarar unha entrevista laboral ou contar un proxecto de emprendemento.
Por último, no obradoiro Iniciativas inspiradoras, proxectos liderados por mulleres coñeceranse diferentes opcións para a formación e a autonomía económica, afondando nas posibilidades que ofrece a economía social e solidaria para a incorporación ao mercado laboral con proxectos que dan prioridade ás necesidades das persoas a posta en marcha de proxectos de emprendemento colectivo.

PUBLICIDADE