Berrogüetto organiza no Facebook un certame de relatos miúdos

martes, 1 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

A banda galega Berrogüetto, recentemente aparecida neste medio por ter tirado partido da Rede para adiantar o seu novo álbum Kosmogonías, volve estar de actualidade no que se refire a emprego das novas canles co obxecto de establecer a comunicación máis directa cos seus seareiros presentes e futuros. Con todo, a banda quixo desta volta ir un pouco máis lonxe e pasar da comunicación directamente á participación.
Máis polo miúdo, á participación nun concurso en liña posto en marcha polo grupo coa finalidade de dinamizar dúas cousas non excluíntes: o seu espazo propio en Facebook e a Rede galega por enteiro. O certame, lanzado a través do dito emprazamento propio (que ten a día de hoxe máis de mil seareiros), consiste nun concurso literario de contos miúdos (nanocontos) que xira arredor do devandito traballo discográfico Kosmogonías, arestora en promoción.
A proposta, que ten aberto o prazo de inscrición até o vindeiro 15 de xuño, require dos participantes ter un rexistro en Facebook, o que lles servirá para facerlle chegar á banda os relatos propios de seu.
Os requirimentos esixidos son estes: que os contos non vaian alén das cen palabras, que teñan o kosmos como tema principal e que inclúan unha historia en si mesma, non un resumo de algo máis longo. O gañador ou gañadores, que serán os que obteñan máis votos en liña dos usuarios, poderán acudir de balde ao concerto que pechará a xira da banda en Ourense, o 22 de xuño. Alí faráselles entrega dun disco asinado por tódolos membros da agrupación.

PUBLICIDADE