Berners-Lee crea unha fundación para universalizar o emprego da Rede

martes, 16 de setembro do 2008 Raquel Noya

O físico británico, Tim Berners-Lee, que alá polo ano 1989 sorprendeu á humanidade con un dos mellores inventos habidos e por haber, a World Wide Web (sen a cal non sobrevivirían a meirande parte dos frikis deste país), vén de anunciar a creación dunha fundación encamiñada a proporcionarlles Internet aos habitantes de tódolos países do planeta sen facer ningún tipo de discriminación e asegurando a “universalidade da web” xa que, segundo afirma, “normalmente está destinada ó mundo desenvolvido”.
En palabras de Lee, a web foi deseñada “polo mundo desenvolvido para o mundo desenvolvido” polo que, este proxecto tratará de incrementar a presenza da web en tódolos recunchos do planeta sen excepción e perseguirá tres obxectivos claros: avanzar cara unha web libre e aberta, incrementar a capacidade da web e a súa rigurosidae e difundir e ampliar a presenza de Internet por tódolos países do planeta.
A Fundación da web buscará, xa que logo, colaboración estranxeira entre empresarios, profesionais no campo da tecnoloxía, gobernos e organizacións non gobernamentais que ofrezan o seu apoio sen ánimo de lucro.
Polo de agora, Lee conta co apoio de patrocinadores como a Fundación de John S. e James L. Knight, que doaron un total de 5 millóns de dólares para o proxecto.

PUBLICIDADE