Benestar fomentará o uso das novas tecnoloxías para mellorar a información xuvenil

venres, 23 de outubro do 2009 Redacción

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta potenciará entre a mocidade o uso das novas tecnoloxías para mellorar a información xuvenil e poder interactuar con este sector da poboación. O representante da área autonómica, Ovidio Rodeiro Tato, apostou por esta liña de acción na intervención que fixo na xornada de traballo sobre o fomento da creatividade entre a mocidade celebrada hoxe en Santiago.
Neste sentido, o director xeral afirmou que «o Goberno galego tentará, a pesar das actuais circunstancias económicas, ampliar os recursos que a Xunta pon a disposición da Rede Galega de Información Xuvenil, tanto os espazos que son propios da Administración autonómica como dos concellos e asociacións».
Na xornada sobre a creatividade, organizada pola Xunta, participaron máis de 150 profesionais da Rede Galega de Información Xuvenil que traballan en concellos, asociacións e na propia Administración autonómica.
A iniciativa contou con diversas conferencias e obradoiros onde os propios informadores xuvenís puideron probar as súas habilidades creativas a través de accións prácticas. Como actividade paralela, no encontro colocáronse dous paneis onde os que participantes colgaron as súas experiencias máis notables en información xuvenil e tamén as súas críticas e necesidades nesta materia.

PUBLICIDADE