Benestar estrea un portal galego de adopcións

mércores, 24 de novembro do 2010 Redacción

Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar, presentou hoxe o portal galego de adopcións da Xunta de Galicia está xa a disposición daquelas persoas que precisen información sobre este proceso ou para realizar determinados trámites permitidos por vía telemática. Esta nova ferramenta ofrecerá información útil, práctica e actualizada a todas aquelas persoas que estean pensando en adoptar, se atopen no proceso o mesmo xa o completaran.
O Goberno galego pretende con esta iniciativa facilitar á cidadanía galega todos os datos que precisos para levar a cabo o proceso de adopción así como a xestión telemática de certas fases do proceso de adopción, xa que a través do portal poderase facer a descarga da documentación necesaria para iniciar o proceso de adopción. A conselleira resaltou que Galicia é a segunda autonomía de todo o Estado en poñer en funcionamento esta iniciativa e engadiu que pretenden «proporcionar elementos de reflexión sobre o alcance da súa decisión confrontando as súas expectativas coa realidade, informar sobre o proceso legal e dar resposta ás preguntas máis habituais dos solicitantes».
A ferramenta telemática inclúe, ademais da información de todo o proceso, os países nos que se poden adoptar e as entidades colaboradoras acreditadas en Galicia, bibliografía, e incluso unha guía práctica para saber onde obter a documentación necesaria e onde dirixir a solicitude en base ás características dos solicitantes. Tamén se proporciona acceso a un apartado de novas, así como ás páxinas web de organismos oficiais e internacionais e asociacións relacionadas con este tema, tanto en Galicia como nos países de orixe dos posibles menores a adoptar. As persoas solicitantes dunha adopción e tamén aqueles que xa a realizaran terán acceso actualizado en calquera momento ao seu expediente.
Unha das novidades salientables deste portal de adopcións inclúe unha guía interactiva a través da que os usuarios da ferramenta poden facer unha simulación para coñecer, segundo os seus características, os países onde poden solicitar a adopción, así como os requisitos que se piden en cada un dos casos.

PUBLICIDADE