Begoña Caamaño, Xurxo Borrazás e Camilo Gonsar incorpóranse a Galicianliterature.gal

martes, 4 de setembro do 2018 Redacción

O portal web da literatura galega en inglés, www.galicianliterature.gal, foi obxecto estes días de novas incorporacións. Máis en detalle, as de Begoña Caamaño, Xurxo Borrazás e Camilo Gonsar. Como lembraremos, o Portico of Galician Literature foi posto en marcha pola Consellería de Cultura para mostrar no mundo o labor das escritoras e escritores da nosa literatura, a través de anacos traducidos das súas obras máis senlleiras e complementándoos con información sobre a súa vida e obra.
A novela de Xurxo Borrazás Criminal (Vicious), Premio da Crítica Española e Premio San Clemente; unha escolma de relatos de Camilo Gonsar (Collected Stories 1961-1995) e a obra de Begoña Caamaño Morgana en Esmelle (Morgana in Esmelle) son as máis recentes incorporacións a este portal promovido pola Secretaría Xeral de Cultura.
Segundo informa este departamento, na web atópase a tradución de 40 páxinas dunha das obras de referencia de cada autor ou autora, xunto coa sinopse do libro e un texto biográfico. Con estes tres, son xa 33 os que se atopan a disposición do público. Antes de finais de ano incorporaranse tamén Xosé Cid Cabido e Xosé Monteagudo.
A páxina web do catálogo Portico of Galician Literature ten, desde a súa posta en marcha en 2012, preto de 11.500 usuarios novos procedentes de máis de 80 países. Os que achegan máis usuarios son Estados Unidos, Reino Unido, España, Corea do Sur, Brasil, Francia, Irlanda, Canadá e India. Estados Unidos, por exemplo, conta con 2.340 usuarios e usuarias.

PUBLICIDADE