Barrio Sésamo celebra o seu 39 aniversario na Rede

martes, 11 de novembro do 2008 Raquel Noya

Logo de preto de catro décadas divertindo (ou a lo menos intentándoo) e aprendendo aos nenos e nenas de todo o mundo a ser un pouco mellores e máis felices, o popular programa infantil de televisión, Barrio Sésamo, chega agora a Internet, a través dos portais web iTunes, Hulu e YouTube, que permitirán descargar algúns dos seus clips.
Os que nos criamos con Epi, Blas, a ra Gustavo ou o mostro das galletas, entre outros populares personaxes, estamos agora de sorte, ao poder volver a ver pola Rede os clips nos que nos ensinaban a contar, a cantar e a rirnos de nós mesmos a través da pequena pantalla de televisión.
Segundo unanuncio emitido onte, luns día 10 de novembro, data na que o programa celebraba o seu 39 aniversario, os clips da temporada 35 e posteriores da serie, “poderán ser descargados na tenda iTunes de Apple por 1,99 euros”.
Asemade, os devanditos episodios compleméntanse cos actuais programas da serie como Fala, Escoita, Conecta, elaborados especificamente para nenos con pais despregados en accións militares, que tamén se poderán adquirir.
Por outra banda, o popular sitio de descarga de vídeos en Internet, YouTube, abrirá unha canle de Barrio Sésamo con máis de 100 clips do programa subidos desinteresadamente por usuarios seguidores da serie en todo o mundo.
Finalmente, Hulu, unha alianza de vídeos en liña entre News Corp e a NBC de General Elecric, ofrecerá uns 100 segmentos da serie infantil así como outros 30 máis con convidados especiais, tales como Julia Roberts ou Laurence Fishburne.
Nembargantes, os usuarios non poderán mercar en liña episodios completos antigos debido a que Sesame Workshop maila distribuidora de DVDs Genios Products, “non queren arruinar a venda das dez primeiras tempadas do programa, que están
dispoñibles en disco”. Sesame Workshop, a entidade creadora de Barrio Sésamo, recibirá o 70 por cento dos ingresos acadados por iTunes pola descarga dos devanditos clips.

PUBLICIDADE