Barnes & Noble será en exclusiva o provedor de contidos do futuro lector de libros electrónicos de Plastic Logic

martes, 21 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Os libros distribuídos a través de Barnes and Noble poden lerse correctamente incluso na pequena pantalla dun iPhoneBarnes & Noble non quere perder a carreira do libro electrónico, e enfróntase a Amazon cun catálogo de 700.000 títulos en formato dixital que poden lerse nun amplo abano de dispositivos que van dende o PC e o Mac ata os teléfonos móbiles, pasando polos dispositivos de lectura coma o que fabrica Plastic Logic, que competirá co Kindle e o Sony Reader para facerse con este mercado emerxente (aínda que non é de agardar a súa fabricación en masa ata despois).
Este lanzamento de Barnes & Noble viría acompañado pola posibilidade de descargar dende o trebello de Plastic Logic (que chegará ao mercado a primeiros de 2010 e contará con B&N coma o seu provedor en exclusiva) preto de medio millón de libros de dominio público hospedados en Google Books, coma tamén pode facerse dende o ordenador coa aplicación eReader, que tamén permite administrar as descargas da tenda en liña de Barnes & Noble.
Dende Barnes & Noble preferiron non apostar polo lector de e-books coma única plataforma para a distribución de libros, e así tamén pensaron nos móbiles, nos ordenadores e noutros trebellos que vaian xurdindo, deixando na man do lector a elección do soporte, aínda que converténdose dende a libraría en liña nun referente de distribución de libros electrónicos.

Barnes & Noble será o provedor de libros electrónicos exclusivo para o lector de Plastic Logic

PUBLICIDADE