Bard xa sabe programar en máis de 20 linguaxes

venres, 21 de abril do 2023 Marcus Fernández

A proposta alternativa a ChatGPT que está a probar Google de xeito limitado, Bard, está a mellorar pouco a pouco, e aínda que está lonxe de acadar o nivel da solución de OpenAI, xa realiza funcións interesantes como as que vén de estrear, e que axudan ao desenvolvemento de software.
Bard pode agora xerar código, axudar a depurar o código e incluso dar explicacións sobre como realizar distintas tarefas ou o que fai un código en concreto (o que pode resultar de grande axuda cando aprendemos unha linguaxe de programación). Podemos dicir así que Bard entende máis de 20 linguaxes de programación como C++, Go, Java, JavaScript, Python e Typescript. Bard tamén pode exportar código Python directamente a Google Colab sen a necesidade de ter que copiar e pegar, así como tamén pode axudar a escribir funcións en Google Sheets.
Cómpre lembrar que moitas destas funcións están presentes en ChatGPT dende hai bastantes meses, e Microsoft tamén integrou esta tecnoloxía a xeito de copiloto en Visual Studio, polo que Google chega máis tarde, pero iso non significa que non teña espazo para medrar, pois estamos ante unha tecnoloxía que medrará moito nos vindeiros anos, mudando profundamente o desenvolvemento de software a todos os niveis.

PUBLICIDADE