Bard chega finalmente a España

xoves, 13 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Bing leva varios meses integrando ChatGPT no seu buscador, pero Google, pese a ter anunciado dende hai tempo a integración do seu modelo de linguaxe, Bard, non remataba en traelo a España por mor de garantir que cumpría coa lexislación europea a nivel de protección de datos, pero finalmente parece que é así e por fin Bard chega a España co que Google considera que é a súa meirande actualización até agora.
Bard permítenos conversar cun modelo de linguaxe propio de Google en máis de 40 idiomas, pero non limita a información que presenta a unhas datas determinadas, senón que tamén accede a información da Rede, de xeito que para certas tarefas pode resultar moi práctico, xa que axiliza as buscas, atopando as respostas de xeito moi rápido (aínda que cómpre advertir que a súa fiabilidade aínda é moi discutible, padecendo as alucinacións propias dos sistemas deste tipo, ou sexa, que en numerosas ocasións Bard inventa os datos e achégaos coma se fosen certos).
As respostas de Bard son en formato texto, pero tamén poden escoitarse en voz alta mediante unha voz sintética, e os usuarios tamén poden escoller entre varias opcións de resposta.
A actualización de Bard que coincide coa súa chegada a España incorpora a opción de fixar, organizar e modificar conversas, exportar código a máis sitios, compartir as respostas cos amigos e tamén permite empregar imaxes nas mensaxes (pois Bard é capaz de tirar proveito da tecnoloxía de recoñecemento de imaxes de Google Lens).
Podemos así tirar proveito de Bard para resolver dúbidas, xerar código informático, redactar textos ou servir de inspiración, na liña do que moitos xa viñan facendo nos últimos meses con ChatGPT.

PUBLICIDADE