Bambú Producciones inicia a rodaxe da súa terceira serie para Netflix: Jaguar

xoves, 27 de agosto do 2020 S. P.

A produtora galega Bambú está a realizar a rodaxe (tras Las chicas del cable e Alta Mar) da súa terceira ficción para a plataforma internacional Netflix, popular referente en cinema, documentais e series en streaming. Estamos a falar de Jaguar, unha produción ambientada nos anos 60 e centrada nas pescudas para atopar en España a presenza de centos de nazis refuxiados da Segunda Guerra Mundial. A serie, que se vai rodar nunha manchea de localizacións conta cun reparto encabezado por Blanca Suárez no papel de Isabel Garrido, á que se unen Iván Marcos, Francesc Garrido, Adrián Lastra e Óscar Casas.
Na serie, Isabel Garrido (Blanca Suárez), unha moza española que logrou sobrevivir ao campo de exterminio de Mauthausen, está tras a pista de Skorzeny, coñecido como o home máis perigoso de Europa. Segundo se adiante no argumento, Isabel descubrirá que non está soa na súa misión e unirase a un grupo de axentes en busca de xustiza. O seu nome en clave: Jaguar.
A serie está dirixida por Carlos Sedes e Jacobo Martínez, e é unha creación de Ramón Campos e Xema R. Neira, quen participan do equipo de guionistas, xunto con David Orea, Salvador S. Molina, e Moisés Gómez. Ramón Campos afirmou que “Jaguar é o meu proxecto máis persoal dos últimos anos, e non se me ocorre mellor compañeiro de viaxe que Netflix, con quen estou feliz de emprender esta nova andaina tras a experiencia de Las chicas del cable”.

PUBLICIDADE