Ballmer anuncia o lanzamento público da versión de proba de Windows 7

xoves, 8 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Steve Ballmer deu un discurso para abrir o International Electronic Show (CES) de Las Vegas, nun evento no que anunciou a dispoñibilidade da versión de proba de Windows 7, que xa a poden descargar hoxe os subscritores de MSDN e Technet, mentres que o resto de usuarios a teremos dispoñible este venres, o que permitirá botar unha ollada ao futuro sistema operativo de Microsoft, que finalmente non estará dispoñible antes da vindeira campaña de Nadal, insistindo dende Microsoft que continúan a ter planificado o seu lanzamento para primeiros de 2010.
Tamén se anunciou a publicación global de Windows Live, paquete de aplicacións que xunta aplicacións moi útiles para relacionarse e compartir contidos na Internet, coma son o Messenger, Photo Gallery, Mail, Writer, Toolbar, Family Safety e Movie Maker beta. Estas aplicacións se adaptarán en breve para permitir a publicación de contidos en Facebook, atendendo así á demanda dos usuarios, que cada día se relacionan máis neste tipo de plataformas sociais.
Robbie Bach, presidente da División de Dispositivos e Lecer de Microsoft, compartiu escenario con Ballmer para destacar os avances da súa empresa en levar o lecer electrónico a calquera pantalla que os consumidores empregan habitualmente coma o PC, o televisor e o móbil, o que se notou especialmente a través da Nova Experiencia Xbox, que entre outras cousas permite o aluguer de series de televisión e películas (incluso en alta definición) dende a Xbox 360, consola que xa colocou 28 millóns de unidades no mercado e conta con 17 millóns de usuarios en liña activos, o que a sitúa nunha posición líder neste ámbito.

PUBLICIDADE