Balidea supera a cifra dos 200 traballadores e os sete millóns de euros de negocio

mércores, 19 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

A empresa galega Balidea, da que falamos recentemente para dar conta do proxecto desenvolvido co CESGA para materializar unha plataforma de apoio a coidadores informais (familiares próximos) de persoas con demencia, vén de facer reconto do acadado no seu seo en materia de creación de emprego e busca de novos mercados. No seu autoexame, a empresa lembra que os froitos recollidos agora responden a unha folla de ruta iniciada en xullo de 2008 e que culmina en 2013 “co cumprimento de todos os seus obxectivos estratéxicos, baseados no medre, a diversificación da actividade, o afianzamento no mercado e a responsabilidade social”. Xa en termos máis concretos, Balidea informa que vén de superar a cifra de 200 traballadoras e traballadores.
Asemade, deixou atrás a liña dos sete millóns de euros de negocio, “feito que marca un fito na traxectoria desta empresa funda en 2002”, engaden os seus responsábeis. E explican: “Só durante o ano 2013 foron creados máis de 70 novos postos de traballo; máis alá do dato cuantitativo, a porcentaxe de contratos cunha duración indefinida na empresa supera o 80% nestes momentos, feito que constata que a estabilidade e a calidade laboral é un dos principios que rexe a xestión empresarial de Balidea”.
Lembrar tamén que en 2008 a empresa abriu as portas da súa sede corporativa en Santiago, amais de pór en marcha o devandito plan estratéxico, que tivo a súas ramificacións na apertura de novos centros en Vigo, Bilbao e A Coruña, apertura que respondeu ao obxectivo de estreitar a relación cos clientes e cos centros de toma de decisións.
Respecto ao futuro, a empresa galega sinala que “continuará coa estratexia de internacionalización da actividade” e proseguirá desenvolvendo e aplicando “o seu novo plan estratéxico”, unha nova etapa que afianzará os logros dos cinco anos anteriores e fortalecerá a arela de Balidea de “converterse nunha empresa de referencia para o sector das TIC en todo o territorio europeo”. Sobre este último punto, dicir que a compañía xa ten decidido establecerse noutros tres países da Unión co fin de “continuar coa súa expansión e estratexia de proximidade”. Isto complementarase con outros dous centros produtivos, con novos contratos de traballo e cunha previsión laboral, para vindeiro quinquenio, que pasaría por duplicar o persoal da empresa até aproximarse ao medio millar de traballadores.

PUBLICIDADE