Balidea presentou no Meta-Forum ás súas contribucións á igualdade dixital das linguas

xoves, 20 de xullo do 2023 S. P.

O pasado mes de xuño Balidea participou no Meta-Forum 2023 en Bruxelas, un evento de referencia en Europa no ámbito da igualdade dixital das linguas. A empresa compostelá foi convidada a expoñer as súas contribucións á Axenda Estratéxica de Investigación, Innovación e Implementación para alcanzar a plena igualdade dixital nas linguas europeas ata o ano 2030 (SRIA). Estas achegas foron financiadas polo programa ELE (European Language Equality) a través da súa convocatoria aberta.
Entre as principais contribucións de Balidea á Axenda Estratéxica está a creación dunha guía sobre como deseñar conxuntos de datos SLU en escenarios de escasos recursos. Para iso a empresa galega estableceu os principais requirimentos para o deseño de conxuntos de datos de comprensión da linguaxe (SLU) e propuxo medidas de calidade para asegurar o seu éxito, mesmo en contextos con recursos limitados e para linguas minoritarias.
Doutra banda, contribuíu cunha guía sobre como deseñar campañas de recollida de datos centradas nos usuarios obxectivo, proporcionando recomendacións prácticas para garantir a calidade das mostras recollidas e a efectividade da campaña.
Experiencia FalAI: proxecto de recollida de voces en galego
Ademais de anos de experiencia no desenvolvemento de asistentes virtuais e tecnoloxías da linguaxe, a contribución de Balidea á SRIA baseouse no éxito do proxecto FalAI, desenvolvido co centro AtlanTTic (UVigo), que busca recoller voces en galego co obxectivo de adestrar algoritmos que permitan ás persoas comunicarse neste idioma co mundo dixital.
A iniciativa foi un éxito de colaboración público-privada e logrou reunir 250.000 gravacións, converténdose na base de datasets aberta para asistentes virtuais máis grande do mundo en calquera idioma.
A campaña permanece aberta, polo que se pode seguir contribuíndo a través da web falai.balidea.com. Ademais, pódense consultar os datos da campaña en tempo real.
Anos de investigación e desenvolvemento de asistentes de conversa
A área de I+D+i de Balidea leva anos apostando polo desenvolvemento de tecnoloxías da linguaxe, o que converte a empresa compostelá nun referente no ámbito dos asistentes conversacionais por voz, tanto para o galego como para o castelán.
Tamén é de destacar a súa especialización en dous eidos concretos: asistentes conversacionais para o apoio e seguimento a pacientes crónicos (telemedicina) e asistentes de conversa para o apoio, soporte e axuda aos cidadáns en procesos administrativos (eAdministración, eGoberno).

PUBLICIDADE