Balidea fornecerá a Coruña Smart City dunha tecnoloxía multicanle para a información de eventos

xoves, 2 de outubro do 2014

Entre as empresas que poñen os seus coñecementos e a súa capacidade de innovación ao servizo do proxecto Coruña Smart City atópase a santiaguesa Balidea. Como lembraremos o proxecto busca implantar na cidade galega un tecido integral de equipos tecnolóxicos e humanos que a convertan nunha urbe mellor conectada, máis rendíbel, eficiente e respectuosa co medio ambiente e, sobre todo, máis acaida e máis cómoda para os seus habitantes. En definitiva, Coruña Smart City diríxese a mellorar os servizos públicos no ámbito da comunicación, repercutindo tanto nunha mellora de aqueles como na propia calidade de vida dos cidadáns. A contribución de Balidea, segundo nos contan os seus responsábeis, baséase no desenvolvemento dun Sistema de Información sobre eventos multicanle que permitirá a difusión de distintos acontecementos, programas e actividades.
A achega da empresa de Santiago resulta a todas luces fundamental para o desenvolvemento e posta en marcha da iniciativa, porque en boa medida garante e asegura boa parte da comunicación entre Coruña Smart City e a cidadanía, sendo esa mesma comunicación un elo clave da cadea. Segundo engade Balidea, o que busca con esta proposta o Concello de Coruña é “definir un novo modelo de desenvolvemento urbano baseado no concepto de Cidade Intelixente e que permita xestionar de xeito sustentábel os servizos municipais sobre a base das TIC”. Polo tanto, estamos ante “un conglomerado de sistemas hardware e software conectados, que servirán como soporte á construción de sistemas e aplicacións de xestión”. Neste senso, o portal Smart Coruña é o punto de entrada para que a cidadanía e os xestores municipais accedan aos contidos e aos servizos de información destinados a eles e subministrados pola plataforma.
Coruña Smart City, que actuará sobre múltiples eixos (medio ambiente, enerxía, mobilidade urbana, sanidade, seguridade, turismo, lecer, eAdministración), vai contar cun recurso multicanle de información sobre actividades. Esta será, como dixemos, a contribución de Balidea. A empresa, seguindo este fío, traballará na creación dun conxunto de ferramentas e aplicacións que posibiliten a difusión de eventos, programas e actividades culturais do ámbito coruñés, e todo cun enfoque “multicanle” e integrando todos os datos na plataforma Coruña Smart City. O obxecto deste piloto, engade Balidea, é prover dun sistema que permita “un acceso áxil á información dos principais eventos culturais, tanto de ámbito público como privado, poñendo ao servizo das persoas usuarias tamén aplicacións para dispositivos móbiles, que faciliten o acceso á información á veciñanza e aos visitantes da cidade”.
Lembrar que a empresa xa ven colaborando co Concello da Coruña desde hai uns anos en diversos proxectos como son a Oficina Virtual Económica ou o servizo de xestión e mantemento da web educativa municipal.

PUBLICIDADE