Balidea desenvolveu o novo portal web da Festa da Istoria

martes, 3 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa tecnolóxico-dixital Balidea, con sede principal en Compostela, subiu este ano un novo chanzo na súa colaboración coa Festa da Istoria de Ribadavia, unha colaboración da que xa dimos conta en anteriores entregas con motivo do lanzamento da aplicación móbil dos festexos históricos (en todo o sentido do termo “histórico”). Agora, o traballo conxunto coa Festa da Istoria (que se desenvolveu os tres últimos días de agosto), materializouse no desenvolvemento dun novo portal: un sitio web (festadaistoria.com) onde Balidea apostou de cheo pola visualidade, a accesibilidade, o dinamismo e a versatilidade. O obxectivo foi achegar unha ferramenta que co menor esforzo posíbel por parte de usuario achegase a máxima (e de meirande utilidade) información.
En palabras de Balidea, o novo portal é “un espazo moi dinámico que lle permite aos visitantes entender dunha ollada en que consiste a Festa da Istoria, así como dispor de forma rápida e sinxela de toda a información necesaria para asistir ao evento”.
Artéllase ao redor de catro seccións principais: A Festa, Programa, Actualidade e Información Práctica. Na primeira delas explícanse os elementos principais do evento, os seus momentos máis destacados así como as diferentes maneiras de participar nel e gozalo plenamente. Na segunda detállanse todas as actividades por días da edición vixente, cos seus horarios e lugares. Pola súa banda, a sección Actualidade recolle todas as noticias xeradas pola festa e a súa coordinadora. E por último, en Información Práctica dáse reposta ás preguntas máis frecuentes: como alugar vestimenta de época, como conseguir os marabedís (moeda oficial da festa), como é o acceso ás actividades, como solicitar un posto de artesanía, etc. Amais, incorpóranse neste apartado indicacións sobre como chegar e moverse, onde comer e durmir e onde acudir en caso de emerxencias.
O novo portal web da Festa da Istoria ten tamén unha importante carga visual, recollendo unha gran cantidade de imaxes representativas dos seus momentos destacados; e integra as súas canles sociais en Facebook, Twitter e Instagram.

PUBLICIDADE