Balidea dá forma ao sistema de xestión de expedientes dos Servizos Sociais de Terrassa

martes, 21 de xuño do 2016 Redacción

A empresa galega Balidea, centrada no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) achegando servizos de desenvolvemento e integración de software, vén de ser elixida polo Ajuntament de Terrassa para levar a cabo a evolución do sistema de xestión de expedientes da súa área de Servizos Sociais, un novo proxecto para a axilización e mellora da eficiencia na xestión administrativa de institucións públicas.
Máis polo miúdo, a través deste servizo Balidea dálle soporte a máis de trinta procedementos municipais e aos procesos auxiliares involucrados na súa xestión.
O proxecto abrangue ademais varios desenvolvementos encamiñados a integrar o sistema de xestión de expedientes da área de Servizos Sociais con diferentes plataformas externas, como pode ser a Administració Oberta de Catalunya, a través do portal de transmisión telemática de datos Via Oberta. A finalidade, en palabras de Balidea é “camiñar cara a dixitalización xeral dos procedementos administrativos do Ajuntament de Terrassa e a interoperabilidade entre as institucións catalás, para o intercambio da información precisa sobre os usuarios dos servizos sen necesidade de repetir trámites. Asemade, este proxecto implicou a migración dos datos de expedientes do Servizo de Axuda a Domicilio Municipal (SSAD) aos sistemas actuais e o desenvolvemento de determinados procesos necesarios para a súa correcta xestión e a plena garantía do cumprimento da lexislación vixente en materia de protección e privacidade de datos.

PUBLICIDADE