Balidea consegue dous recoñecementos polos portais uvigo.gal e cortsvalencianes.es
venres, 10 de maio do 2019
Balidea,
empresa TIC da nosa terra, vén de lograr dous importantes
recoñecementos (dous Splash Awards) no Drupal Camp Spain, o
máis importante evento estatal dos que se celebran arredor da
tecnoloxía de desenvolvemento Drupal. Estes premios fóronlle
concedidos á firma de Santiago polo labor levado a cabo co novo
portal da Universidade de Vigo (mellor web de educación) e pola web
institucional de Lles Corts Valencianes (mellor web gobernamental).
As
distincións recolleunas este xoves en Conil de la Frontera (Cádiz)
o director de Desenvolvemento e Produción TIC de Balidea, Diego
Arias. Das nove categorías existentes, Balidea triunfou en dúas.
Polo
que respecta ao novo portal da Universidade de Vigo,
https://www.uvigo.gal, foi
premiado como a mellor web na categoría Education. O portal
viu a luz en maio de 2018, tras un proceso que arrincou meses antes
coa participación de varios equipos baixo a coordinación da área
TIC da universidade. Balidea encargouse do desenvolvemento do portal,
empregando Drupal 8. Deste proxecto destaca especialmente a
reutilización de información grazas á conexión coas aplicacións
de xestión coas que conta a universidade, recollendo información
como o directorio, os avisos, a normativa, as convocatorias, os
cursos, as actividades, as noticias e os eventos da axenda.
Polo
que se refire ao portal de Lles Corts Valencianes,
https://www.cortsvalencianes.es,
foi merecedor do galardón na categoría de Government.
Balidea desenvolveu esta web en Drupal 8. Trátase dun proxecto
multisite con catro partes diferenciadas: o portal xenérico, o de
Transparencia, o de Participación Cidadá e a intranet de uso
interno para todo o persoal de Lles Corts. Entre as súas
características destaca o acceso directo a plenos en tempo real, a
xestión da documentación parlamentaria e a consulta histórico de
lexislaturas, así como a integración de redes sociais e a
habilitación e posta en macha dun sistema de comentarios.
Ámbalas
webs desenvolvidas por Balidea participarán agora nos Global
Splash Awards, que premian os mellores proxectos a nivel europeo.
Estes premios entregaranse na DrupalCon Europe 2019, que se celebrará
en Amsterdam do 28 ao 31 de outubro.