Baiona achega formación para axudar á dixitalización do comercio e as empresas locais

mércores, 9 de maio do 2018 Redacción

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña, e o xerente de Mybusiness Up, Roberto Valverde, deron a coñecer este 7 de maio as Xornadas Formativas en Novas Tecnoloxías para empresarios e comerciantes, coas que se busca impulsar a dixitalización do comercio local. Segundo sinalaron, “é importante entender e asumir que estamos inmersos no medio da revolución dixital; hoxe o mundo é diferente ao de hai 15 anos e a tecnoloxía foi quen de mudalo todo, mesmo ao consumidor”.
Para familiarizar ao comercio con estes cambios, ACEBA e o Concello decidiron organizar as ditas xornadas formativas, “pioneiras, gratuítas” e a disposición de todos os empresarios e empresarias do municipio, e “daquelas persoas que estean valorando a posta en marcha dun proxecto empresarial”.
Entre os contidos que se van desenvolver están: como conseguir resencións de clientes para negocios ou produtos, como xestionar do mellor xeito posíbel a ficha empresarial en Google ou como tirar proveito das redes sociais para manter no tempo clientes e acadar outros novos. Tamén se botará luz (entre outros moitos temas) sobre a importancia de desenvolver concursos, eventos ou ofertas; sobre como facer que os escaparates, as cartas dos restaurantes, os servizos que ofrecen os comerciantes e negocios de Baiona poidan ser visíbeis máis aló da rúa na que se atopan, ou sobre a importancia de recentes e novas ferramentas como Whatsapp Business para as empresas e como poder sacar o máximo proveito destas ferramentas gratuítas, entre outras cuestións dixitais.
As xornadas impartiranse o martes 15 de maio co tema A transformación de Comercio Local Dálle ao On; o 22 de maio, con O Segredo para conseguir clientes por Internet e finalmente o día 29 de maio con A fórmula: (Google+Facebook) x Whatsapp. Todas elas terán lugar ás 20:30 horas na Capitanía Marítima de Baiona.
Durante a presentación o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, encomiou a posta en marcha das xornadas destacando que, en Baiona “temos un comercio de gran calidade que con esta formación pode sacar moito máis rendemento ao seu negocio. Estes novos coñecementos axudarán á dinamización do comercio na vila e crear un valor engadido aos negocios”.
Finalmente, Roberto Valverde, ademais de impartir as xornadas, encargarase do seguimento das accións levadas a cabo polos empresarios para realizar unha avaliación de aquí a tres meses.

PUBLICIDADE