Bahía Software xestionará a imaxe médica dixital do Servizo Aragonés de Saúde

venres, 24 de maio do 2013 Redacción

Bahía Software é unha compañía TIC galega fundada a comezos do ano 1999 por profesionais das tecnoloxías da información e do eido da sanidade e a administración pública. A compañía compostelá aposta pola innovación tecnolóxica e a calidade do software e, seguindo esta liña, vén de anunciar a xestión e mantemento do sistema de imaxe médica dixital do Servizo Aragonés de Saúde. Cómpre dicir que Bahía xa conta na listaxe dos seus traballos coa organización da imaxe médica dixital dos centros hospitalarios de tres comunidades autónomas (Galicia, Cantabria e Aragón) e doutros centros de ámbito privado desde a fase inicial de consultoría e definición das necesidades de investigación até a execución dos devanditos proxectos.
Asemade, Bahía tamén leva xestionado máis de 4.200.000 estudos ao ano de probas diagnósticas baseadas na imaxe e, neste caso que nos ocupa (o Servizo Aragonés de Saúde) a firma galega organizará a imaxe dixital na rede de hospitais e centros de saúde da dita comunidade. Así, máis de 3.500 usuarios (dos cales 405 son cardiólogos) benefícianse dos sistemas de imaxe médica dixital levados a cabo por Bahía Software, que está presente coas súas solucións en máis de 30 centros hospitalarios públicos e privados. Cómpre dicir que a compañía de software ten no seu haber certificacións de nivel internacional como a ISO 9001:2008 e a ISO 20000:2005, que garanten a calidade dos seus servizos. A compañía galega segue a traballar en proxectos de I+D co gallo de achegar a información clínica por parte do paciente a través da mHealth (Mobile Health) e mellorando a interoperabilidade de sistemas, unha corrente que se está a consolidar con proxectos como o do Sistema de Saúde Sanitaria (SNS), o proxecto europeo de e-saúde (epSOS) ou a aparición de sistemas de historia de saúde persoal (PHR), achegas estas que permiten que os cidadáns poidan acceder aos seus datos médicos.

PUBLICIDADE