BSA detecta 36.000 produtos de software ilegal en poxas de Internet

mércores, 10 de outubro do 2007 Raquel Noya

A organización de software comercial Bussines Software Alliance (BSA) vén de anunciar a detección da venda de 36.000 produtos ilegais de software que se ofrecían nun selecto número de sitios de puxas en liña. Os últimos datos sobre piratería en Internet que ofrece esta entidade revelan que o valor do software ofrecido de xeito ilegal neste tipo de páxinas (e identificado durante os primeiros seis meses de 2007), ascende a 5,7 millóns de euros; unha cifra que, sinala, “só se trata da punta do iceberg” pois son poxas que a organización detectou ó estaren infrinxindo os copyrights dos seus membros e non se contabilizaron o resto das empresas titulares doutros programas.
O panorama das poxas en liña está actualmente nunha situación na que, segundo a consultora IDC, “as posibilidades de mercar software legal que non conteña virus, troianos ou spyware no seu código redúcense a menos da metade”.
A compañía recomenda documentarse ben antes de adquirir programas a través de poxas por Internet e desconfiar dos prezos baixos nas mesmas xa que, ademais de poñer en perigo os seus sistemas operativos, afrontan riscos legais e financeiros asociados á violación das leis de propiedade intelectual por instalación de software sen licenza.
Este tipo de software ilegal tamén está dispoñible en liña a través de páxinas web que ofrecen programas informáticos baratos e en redes de compartición de arquivos P2P. Como promedio, BSA asegura “identificar ó mes máis de 200.000 arquivos de software ilegal dispoñibles só en redes de compartición de arquivos”.

PUBLICIDADE