B-web dará acubillo á presentación da nova entrega de Compostweets

mércores, 1 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Unha ollada á primeira edición da xuntanza galega de profesionais das redes sociais

A xuntanza Compostweets, cuxa primeira edición celebrouse recentemente en Santiago de Compostela, terá continuidade. Así nolo avanza a organización do evento (a firma de comunicación Lúdica7, con sede na capital galega) e así o reflicten medios como Galicia Hoxe, que entre outras cousas fai fincapé nos éxitos acadados na primeira convocatoria, onde se xuntaron máis de 300 profesionais das redes sociais na nosa terra. Para quen queira ampliar información sobre a segunda entrega de Compostweets, dicir que esta será presentada en todo detalle no transcurso das xornadas B-Web que dan comezo este xoves 2 de xuño no recinto ExpoCoruña.
A información sobre o evento de redes sociais será dada a coñecer na xornada do venres. Segundo avanza Lúdica7, o programa de actividades aínda está en desenvolvemento, non así as liñas a seguir e os obxectivos básicos, que pasan unha vez máis por crear un punto profesional de encontro arredor dun fenómeno que nos colle de cheo: o espallamento dos servizos de Internet que convidan á participación activa. A súa vertente empresarial, cunha chea de vantaxes postas en xogo (de promoción, de comunicación, de xestión), será un dos grandes eixes temáticos da xuntanza.
Para ir preparando o terreo, Lúdica7 (que terá stand propio en B-Web, ombro con ombro coa asociación galega Adouspuntocero, de recente creación) xa confirmou que o evento celebrarase de novo en febreiro, tamén en Santiago.

PUBLICIDADE