Ayco sobe un novo chanzo en estratexia internacional coa súa misión a México

luns, 14 de outubro do 2013 Redacción

O BlackPen de Ayco, unha das tecnoloxías presentadas ás empresas do país azteca

A empresa galega Ayco informou este luns de novos pasos dados en materia de internacionalización da súa actividade. Máis polo miúdo, trátase da súa primeira misión comercial a México, onde a firma TIC con sede en Vigo ten o obxectivo de coñecer posíbeis compañías colaboradoras na capital (Distrito Federal) e máis na cidade de Querétaro (coa que, lembraremos, as nosas empresas teñen xa relación dende hai anos, en boa medida grazas á asociación INEO). A misión de Ayco en México, informan fontes da compañía, representa “un paso máis na súa estratexia comercial internacional tras o seu paso por outros países como Panamá”.
En total, Ayco presentou unha escolma dos seus produtos e servizos a unha ducia de empresas do ámbito TIC do país azteca co fin de establecer posibles sinerxías. Segundo o xerente da empresa galega, Fernando Campos, “a nosa tecnoloxía tivo moi boa acollida e agardamos que este sexa o comezo dunha frutífera relación entre ambos os países”.
Por certo que Ayco centrou os seus esforzos en amosar a súa experiencia no emprego da tecnoloxía NFC, aplicada ao control de presenza ou á xestión de activos, e o sistema de bolígrafo dixital BlackPen. Segundo nos conta a empresa galega, as empresas mexicanas, ao fío dos ditos recursos presentados, salientaron “a súa novidade e a súa facilidade de implantación”.
Lembremos que a aplicación BlackPen permite transmitir todo o que se escribe sobre un papel a un sistema informático en tempo real, replicando o documento manuscrito orixinal e os datos ou accións que se incluíron ao cubrir a folla, simplemente, empregando elementos tan tradicionais como o bolígrafo e o papel. Doutra banda, a tecnoloxía NFC posibilita o intercambio de datos entre dispositivos a curto alcance. Non está dirixida á transmisión masiva, como o WLAN (Wi-Fi) ou Bluetooth, senón á comunicación entre dispositivos con capacidade de proceso de datos como teléfonos móbiles, PDA ou PC, “polo que é unha tecnoloxía complementaria a estas que actualmente se pode aplicar a diferentes ámbitos”, engade Ayco.
Por certo que esta misión mexicana non é a primeira experiencia internacional da empresa tecnolóxica galega, que xa en 2008 participou nunha iniciativa de I+D+i a nivel europeo: o Proxecto ATOM, cuxo obxectivo foi o de desenvolver un novo sistema que dese resposta ás necesidades de seguridade dos transportes públicos, postas de manifesto tras os atentados do 11 de setembro e da tentativa de atentado do aeroporto de Heathrow, Londres, en 2006. “Ayco foi a única empresa española que participou no proxecto, xunto con outras compañías e universidades de Italia, Holanda, Grecia, Alemaña ou Romanía”, lémbranos a firma de Vigo.

PUBLICIDADE