Ayaneo presenta un mini PC con aires retro

martes, 28 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Ayaneo, o fabricante chinés de varios modelos de ordenador con forma de consola portátil que tanta atención conseguen nos últimos anos grazas ao lanzamento da Steam Deck, sorprendeu co deseño dun dos seus novos equipos, o Ayaneo Retro Mini PC AM01, que rende homenaxe aos clásicos Macintosh, aínda que realmente non estea a imitar un modelo de ordenador en concreto, senón que simplemente amosar elementos de deseño retro que poden facernos recordar un dos equipos que supuxo un importante pulo para a informática doméstica.
O Ayaneo Retro Mini PC pode xa reservarse a través de Indiegogo, partindo dun prezo de 150 dólares para o modelo cun procesador AMD Ryzen 3 3200U, 8 GB de RAM e 256 GB de capacidade e podendo chegar até os 382 dólares para o modelo cun procesador AMD Ryzen 7 5700U, 32 GB de RAM e 1 TB de almacenamento.
Este mini ordenador con aspecto retro ten un tamaño moi compacto (ocupa 132 x 132 x 60,5 milímetors e pesa 486 gramos), conta con Windows 11 preinstalado (aínda que tamén é compatible con sistemas Linux, Steam OS, Batocera, Chimera OS, OpenELEC e Jellyfin), pode personalizarse con adhesivos e elementos magnéticos, soporta como almacenamento tanto unidades SATA como NVMe, ten Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2 e Gigabit Ethernet, ten porto para auriculares, saídas de vídeo HDMI 2.0 e DisplayPort 1.4, 1 porto USB-A 2.0, 3 portos USB-A 3.2 e un porto USB-C 3.2.
En definitiva, estamos ante un miniordenador dunha potencia relativamente limitada (acorde ao prezo do equipo), pero moi versátil, que pode configurarse para empregar como un ordenador de escritorio tradicional, como unha máquina para correr emuladores e así poder gozar de videoxogos clásicos, facer de reprodutor audiovisual doméstico ou incluso para facer de servidor de almacenamento en liña.
Un produto moi atractivo, que como principal atranco ten que o envío do produto realízase dende China, polo que, aínda que ofrezan portes de balde a España, de ter que someterse a cargas arancelarias incrementaría de xeito significativo o seu prezo, de aí que pareza máis razoable optar por miniordenadores comercializados directamente en España, como o Geekom A5, que compensaría o seu prezo un chisco máis alto coa garantía de 3 anos da que gozamos en Europa.

Vídeo promocional do Ayaneo Retro Mini PC AM01

PUBLICIDADE