Avalían o desenvolvemento do hub galego de innovación dixital DIHGIGAL

mércores, 23 de xuño do 2021 Redacción

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta tarde unha reunión co Hub de innovación dixital DIHGIGAL co obxectivo de avanzar no desenvolvemento desta iniciativa articulada ao redor de catro cadeas de valor, como son Ceaga (automoción), Aclunaga (naval), Clusaga (industria alimentaria) e Cluster TIC Galicia.
Tamén forman parte deste hub o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e as universidades da Coruña e Vigo, así como o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a firma de consultoría tecnolóxica Inova Labs. O seu obxectivo é apoiar ás empresas nos seus procesos de transformación dixital para ser máis innovadoras e gañar tamaño no mercado.
Durante o encontro, Conde trasladou que a Xunta está comprometida coa consolidación dos Hubs de innovación dixital, un instrumento de colaboración público-privada fundamental para artellar a I+D+i nas pemes a través do que se pretende estender o impacto positivo da innovación a todo o tecido e converter Galicia nun referente tecnolóxico naquelas áreas con potencial. De feito, desde a Xunta xa se levan destinados 28,8 millóns de euros desde 2019 á Estratexia dos Hubs de Innovación Dixital con medidas para promover a súa carteira de servizos e a súa actividade.
Destaca, por exemplo, a vindeira convocatoria de Conecta Covid, que destinará 4 millóns de euros para avanzar en proxectos de I+D empresarial relacionados coa COVID-19 e que contará coa colaboración dos hubs á hora de axustar os apoios ás necesidades reais do tecido galego.

PUBLICIDADE