Avaaz.org suma unha comunidade de 2,5 millóns de persoas en 30 días

venres, 24 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A comunidade Avaaz.org, centrada en tirar partido das redes para incrementar o alcance de todo tipo de mobilizacións sociais a nivel mundial, vén de facer reconto do acadado ao longo das pasadas semanas con motivo dun obxectivo común contra o que loitar: as iniciativas lexislativas ACTA e SOPA para limitar as liberdades de comunicación e de información en Internet. Deste xeito, ao longo do último mes e ao abeiro das distintas mobilizacións contra as ditas leis xeradas dende Avaaz.org, e tamén contra as ditaduras dos países árabes e outras cuestións, a comunidade medrou en 2 millóns e medio de persoas.
Se antes xa eramos o movemento político cidadán pola Rede máis grande da historia, agora estamos a medrar a unha velocidade que xa non ten precedentes”, informan fontes da plataforma.
Por certo que as diferentes mobilizacións postas en marcha manifestáronse de moi diverso xeito: emprendendo recollidas masivas de sinaturas, solicitando doazóns ou achegando informacións aos medios. Estas accións desenvolvidas nos pasados trinta días, sinala Avaaz.org, representan un número maior cás realizadas de xeito común ao longo dun ano. Pero hai máis datos. Por exemplo, aproveitouse o potencial de Avaaz, que medra de xeito expoñencial, para facer unha recadación que de outra maneira, sen o factor redes, sería imposíbel: a de 1,8 millóns de dólares para subministros médicos para Siria, achegados de contrabando.
Asemade, xeráronse catro de millóns de dólares a través de Internet para aumentar o impacto do traballo da plataforma, lanzáronse máis 40 campañas e se compartiron iniciativas con 25 millóns de seareiros sobre as máis variadas temáticas: o avance da deforestacióndo Amazonas ou o escándalo de Rupert Murdoch en Reino Unido.

PUBLICIDADE