Aumentan nun 55% os usuarios da app do Camiño

luns, 3 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A aplicación do Camiño de Santigo segue en curva ascendente. Esta mesma fin de semana tivemos un reconto de actividade da ferramenta móbil que non fixo máis que corroboralo. Segundo nos conta Turismo de Galicia, o número de peregrinos que utilizan a app do Camiño de Santiago subiu máis dun 55% este ano. Ademais, até o mes pasado tivo 9.500 novas descargas, sumando máis de 30.000. Estas cifras, segundo confirman Turismo de Galicia e a axencia AMTEGA, impulsoras da ferramenta posta en marcha en maio de 2016, confirman a “utilidade da aplicación”.
As dúas entidades tamén salientan, entre os datos máis relevantes e significativos, o tempo medio de cada sesión, que foi de 4,45 minutos, un indicativo do “interese dos contidos achegados pola aplicación”, que, como lembraremos, subministra datos en tempo real das distintas rutas en Galicia e está dispoñíbel de balde para as plataformas iOS e Android, nos seguintes idiomas: galego, castelán e inglés.
Entre os dez países que acumulan máis descargas atópanse España, Italia, Portugal, Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Brasil, Francia, Australia e México, con incrementos xeneralizados na maior parte deles.
Como dixemos, foi no mes de maio de 2016 cando Turismo Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) presentaban a aplicación móbil do Camiño de Santiago. Esta app xurdía ao abeiro do proxecto Smart Camiño e o seu obxectivo era pór ao alcance da man dos peregrinos unha guía completa sobre as rutas oficiais do Camiño de Compostela dende a súa entrada en Galicia (Camiño Francés, Ruta Fisterra-Muxía, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Inglés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, ou Camiño de Inverno).
Entre outros moitos recursos, a ferramenta dispón dunha listaxe da Rede Pública de Albergues (características, horarios, localización, teléfono e fotografías); información sobre os eventos culturais (festas, concertos, obradoiros...), información de todos os recursos turísticos (descrición, localización e imaxes), suxestións para comer, aloxarse e que visitar.
A aplicación, que na maior parte das súas funcións non precisa de cobertura no móbil, achega información meteorolóxica (fornecida por Meteogalicia) así como datos de contacto e enderezo dos centros de saúde e emerxencias.
Esta plataforma dixital conta cun servizo de realidade aumentada que permite, a través da cámara do móbil, visualizar todos os puntos de interese situados nas proximidades.

PUBLICIDADE