Auguran en Compostela a gran revolución comunicativa do futuro: a da telefonía móbil

xoves, 12 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Comparable só á revolución desencadeada pola televisión ou Internet, a pegada social dos móbiles vai alén da conseguida por estas dúas tecnoloxías. Isto explícase pola súa aceptación e polo seu elemento de continuidade (aseméllase ben ao teléfono de sempre): apenas hai xente hoxe en día que non teña este trebello e o seu uso é probablemente a primeira ponte interxeneracional que vemos dende hai tempo. De feito, a diferenza dos computadores (que crea máis desconfianza), o móbil, aínda que sexa nas súas funcións máis básicas (facer e recibir chamadas), é para moitas persoas maiores un xeito de comunicarse co mundo e, tamén, de estar no mundo. Así, malia que os analistas non os sinalen como instrumentos de entrada ao dixital e malia que moitas veces o uso que lles damos non é o correcto (en países como Islandia, identifícanse con todo aquilo que vai en contra da tranquilidade), poden ser radical e definitivamente algo máis que un obxecto de comunicación. Albiscar no futuro e na súa potencialidade foi o obxectivo do encontro convocado hoxe en Santiago por BIC Galicia e Feuga: un encontro dirixido a mudar a nosa percepción sobre un aparello que, para ben ou para mal, vai xa connosco a todas partes.
Máis polo miúdo, a xuntanza serviu para dar a coñecer as conclusións do informe Tecnoloxías móbiles: apertura e novos modelos de negocio que vén de elaborar o foro de expertos da Fundación Bankinter. Por certo que a presentación contou cun convidado de luxo: Shahram Niri, director de estratexias de Nec Europa, multinacional xaponesa fabricante de dispositivos móbiles e produtos vinculados a redes e servidores. Niri, que amosou un punto de vista positivo perante a crise internacional, sinalou aos móbiles como aparellos integrantes de todo o paquete de cousas e servizos que a xente, malia todo, vai seguir empregando.
Ao seu xuízo, cómpre ollar esta tecnoloxía como un mundo cambiante que muda perante os nosos ollos, mentres sostemos o dispositivo na man: a televisión e a Rede tardaron un tempo en afianzarse, pero no tempo que requiriron para este obxectivo, xa había en moitos países máis móbiles que persoas. As cifras neste senso poñen de manifesto un gran potencial: a ratio de penetración a escala do mundo está neste intre por riba do 60%, e en países como Francia ou Reino Unido, a penetración vai alén do 100%.
Amais de cifras e detalles de natureza técnica, Niri achegou en Compostela un interesante percorrido polo móbil a través de tres treitos: pasado, presente e futuro. Ao seu xuízo, están á vista de calquera as consecuencias inmediatas da proliferación e desenvolvemento do aparello: a máis e mellores móbiles e servizos, máis firmes son as probabilidades de que a xente os empregue para conectarse a Internet, para establecer comunicación interactiva con calquera en calquera lugar ou para localizar persoas ou produtos segundo sexa a súa situación. Se antes os servizos de voz eran servizos de luxo (recibíanse sen esixir ningún outro, e custaban até 75 céntimos de euro por minuto), comentou, hoxe asistimos á voz como un elemento básico que paseniño pero sen pausa vai adquirindo feitura e fondo de fluxo multimedia. No futuro, estámolo albiscando xa, o eido da telefonía móbil amosará finalmente ás claras até que punto discorreu paralelo á socialización de Internet: un proceso onde os usuarios finais pasan a formar parte da cadea de valor, tal e como se pode ver xa en Facebook ou Twitter. A xuízo de Niri, a telefonía corre a toda velocidade cara a esa mesma situación: un sistema baseado nas persoas que non forman parte directa da empresa pero si que participan activamente da experiencia.
Asemade, haberá máis converxencia tecnolóxica nas telecomunicacións, e non só haberá canles para a comunicación entre individuos, senón que tamén as máquinas terán a súa oportunidade, interrelacionándose entre elas por medio de chamadas e cos fins que sexan precisos. Por exemplo, favorecendo a fluidez da propia comunicación, do mesmo xeito que farán entre si os propios vehículos nos que viaxamos cando nos despracemos por espazos onde se requiran optimizacións da circulación. Este tipo de diálogo entre máquinas, puntualizou, será incluso máis frecuente que o humano.
Para Niri, o paquete de previsións sobre a potencialidade do móbil non se esgota nesta entrada en xogo das máquinas achegando intelixencia: haberá fusións entre empresas, novas oportunidades de negocio, movemento incesante, colaboración entre compañías perfectamente compatible cun equilibrio de competitividade (tal e como se está a ver hoxe en día en determinadas frontes empresariais) e, sobre todo, achegas ao mercado baseadas no usuario. Neste senso e de xeito paradoxal, o movemento a seguir asume dúas direccións contrarias que probablemente acaben por encaixar: por unha banda entrarán máis en xogo as máquinas e pola outra todo tenderá a ser máis humano, máis doado de empregar, máis converxente. “En certa maneira”, engadiu Niri, “asistiremos con este afianzamento e medre da telefonía móbil e das súas redes á creación dunha banda ultralarga ao servizo da transmisión intelixente de datos”. Esta banda, sinalou, estará suxeita a unha meirande marxe de autoxestión: amañarase e controlarase de xeito independente á intervención humana. Amais disto, augurou, as fronteiras entre os diferentes servizos confirmarán a tendencia a desaparecer que xa se pode rexistrar hoxe a certos niveis, chegando as operadoras a un tipo de control moito menos agresivo da súa rede: “Tirarán abaixo a reixa que controla hoxe en día o seu propio xardín”.

PUBLICIDADE