Atroia.com: vendendo dende Santiago pan e tartas artesanais ó mundo... e polo virtual

venres, 23 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Os mostradores e os andeis das tendas tradicionais galegas xa non se teñen por que limitar ó eido físico deses mesmos establecementos, e todo iso sen necesidade de facer novas obras e de alugar ou mercar máis dispensarios. A Rede e o seu uso, en certa maneira, permítennos estender o brazo até varios quilómetros de distancia para vender un produto e, ademais diso, darlle un aire de tempos novos ó noso negocio. Exemplos disto aínda non hai moitos aínda en Galiza (polo menos, non tantos como se pode desexar), pero paseniño semella que se van enleando o tradicional e o innovador (a Rede) até non saber nós onde remata unha cousa e onde comeza a outra.
E algo deste cruzamento de cousas en aparencia contrapostas hai na web recentemente posta en marcha pola Panadería A Troia, de Santiago Compostela, botada a “camiñar” o pasado 15 de outubro e incluíndo, na súa posta en longo na Internet, unha tenda virtual onde se poden mercar todo tipo de bolachas artesanais, diferentes clases de pan e tartas dende calquera recanto de Galiza e España.
A páxina (deseñada por Gatos Roxos) é do máis sinxelo, e se cadra é iso o máis aconsellable: que haxa os menores atrancos posibles entre o consumidor e o produto que lle interesa.
Inclúe, iso si, unha breve presentación do establecemento (coñecido en Compostela por ter apostado polo emprego de ingredientes cen por cen naturais), descricións dos produtos que se comercializan e indicacións sobre as condicións do servizo de vendas en liña.

PUBLICIDADE