Atopan un xeito de recibir notificacións de iOS en Android Wear

luns, 23 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Mentres o Apple Watch non está dispoñible, os usuarios de iPhone teñen poucas posibilidades para empregar un smartwatch, xa que boa parte dos que están á venda funcionan con Android Wear, pero un desenvolvedor chamado Mohammad Abu-Garbeyyeh podería ter superado tal barreira segundo presenta nun vídeo no que pode verse como recibe notificacións de iPhone nun Moto 360, empregando un método semellante ao que emprega o Pebble, de xeito que para operar non precisaría dun dispositivo con Jailbreak, aínda que non detallou se publicará a aplicación que creou na App Store.
A solución atopada aproveitaría as API oficiais de Apple para mandar notificacións a través de Bluetooth 4.0 de baixo consumo, aínda que parece que para permitir tal comunicación habería que realizar algún tipo de modificación na versión de Android Wear que corre no smartwatch. De todos os xeitos estariamos só ante un uso básico de notificacións de Android Wear, xa que para permitir unhas funcionalidades semellantes ás que tería o smartwatch cun smartphone con Android sería preciso contar cun iPhone con jailbreak, escenario cada vez menos habitual.


Vídeo no que podemos ver a un Moto 360 recibindo unha notificación de iPhone

PUBLICIDADE