Atopan un verme que afecta aos iPhone liberados

luns, 9 de novembro do 2009 Marcus Fernández

En Australia detectaron un verme que afectaría aos iPhone liberados, aproveitando o feito de que estes dispositivos teñen instalado SSH cun contrasinal por defecto (alpine) o que permite que unha aplicación poida entrar sen ningún esforzo en milleiros de móbiles de Apple nos que o seu usuario non tivese a precaución de cambiar a súa chave de acceso.
Polo momento este verme limítase a cambiar o fondo de pantalla do iPhone para colocar no mesmo unha fotografía do cantante Rick Astley a xeito de broma. Segundo parece, o ikex (nome que recibe este malware) foi simplemente un experimento, pero poderían xurdir variantes que fosen realmente malignas, polo que os usuarios dos terminais susceptibles a verse afectados por esta ameaza deberían tomar medidas que van dende o cambio do contrasinal ata a desactivación do SSH.

PUBLICIDADE