AtlantTIC xunta tecnoloxías para tirar abaixo as barreiras entre persoas xordas e ouvintes

xoves, 23 de xullo do 2020 S. P.

O Centro de Investigación AtlantTIC organizou este 22 de xullo un webinar dirixido a afondar nas posibilidades das novas tecnoloxías para fortalecer o achegamento entre persoas xordas e ouvintes. A sesión, desenvolvida baixo o epígrafe As tecnoloxías e a comunicación sen barreiras, xuntou representantes de asociacións de persoas xordas, investigadores e empresas. A catedrática da UVigo Carmen García Mateo, foi a encargada de presentar a sesión, na que se trataron os posíbeis casos de uso accesíbel e integrador das novas ferramentas ao tempo que se deixou a porta aberta para futuras xornadas de traballo con semellantes obxectivos.
No seminario web participaron máis de medio cento de persoas, que tiveron ocasión de interactuar cos relatores ao remate das súas intervencións a través da plataforma. A primeira intervención correou a cargo do investigador José Luis Alba Castro, que deu a coñecer o proxecto Speech&Signs que están a desenvolver conxuntamente o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) de AtlantTIC e o grupo Grades da Facultade de Filoloxía e Tradución. Este proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia, céntrase na investigación do procesamento de imaxe e visión artificial, o recoñecemento automático da linguaxe de signos, e o desenvolvemento de novos sistemas e algoritmos para mellorar as canles de comunicación verbal e non verbal de linguaxes falados e de signos. Alba afondou nos desafíos aos que se enfrontan estes grupos á hora de codificar e automatizar as secuencias de vídeo de alta calidade, que permitirán crear unha base de datos con vídeos en LSE.
Pola súa banda, Teo Atienza Cañada, co-fundador e director executivo da nova firma Showleap Technologies, debullou o seu dispositivo de tradución automática de lingua de signos a voz e fixo fincapé na importancia de conseguir que “o mundo oínte conviva coa comunidade xorda para coñecer os seus problemas e construír solucións reais”.
Tras a súa presentación, foi a quenda de Iker Sertucha Lista, presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), quen afirmou que as novas tecnoloxías “son fundamentais para facilitar a calidade de vida da comunidade xorda, e que ningunha tecnoloxía substitúe a outra, senón que todos os recursos veñen a sumar”. Sertucha abordou na súa intervención aspectos como a fenda dixital, as diferencias xeracionais, o sobre-custe de moitos servizos que sofren as persoas xordas, a necesidade de máis formación en lingua de signos (que continúan a provocar dificultades e exclusións na vida diaria da comunidade xorda), ademais de destacar o papel “salvadoras” que tiveron e están tendo as TIC durante a pandemia.
O último relatorio foi o de Isabel Cabo Guerra, responsábel de accesibilidade da Confederación Estatal de Personas Sordas (CNSE), que se centrou nas dificultades que continúan existindo na accesibilidade á información destes colectivos en España e deu a coñecer os principais programas que teñen en marcha actualmente na CNSE, como o servizo de vídeo interpretación SVisual ou a plataforma de atención e información sobre a violencia de xénero ALBA.

PUBLICIDADE