AtlantTIC mostra o seu traballo investigador nunha semana de portas abertas (virtuais)

mércores, 9 de decembro do 2020 Redacción

O centro AtlantTIC da Universidade de Vigo está estes días mergullado nunha actividade continua de portas abertas que, desta volta, por mor da garantir a seguridade sanitaria, realízanse en formato virtual. As actividades comezaron este luns e desenvólvense até o vindeiro domingo. Durante unha semana as persoas visitantes poderán coñecer a actividade que se leva a cabo no centro tecnolóxico, descubrir curiosidades relacionadas coas telecomunicacións e resolver todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir sobre as mesmas. As xornadas están pensadas para todo tipo de público e pódese asistir a través da web e das redes sociais do centro.
Na plataforma virtual Padlet.com e nas redes sociais de AtlantTIC difundiranse as diferentes actividades e as principais liñas de traballo do centro, principalmente aquelas que, en palabras da dirección do centro, “parecen estar moi afastadas da sociedade, pero que, pola contra teñen un impacto directo na vida diaria da poboacións”. Trátase de proxectos relacionados coa privacidade e a seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os e-servizos, a bioenxeñería, o radar, as comunicacións por satélite ou as comunicacións radio e ópticas.
Ademais de ofrecer resposta a unha chea de curiosidades científicas, haberá un concurso aberto a toda a cidadanía no que se premiará a orixinalidade das persoas participantes coas súas preguntas ás investigadoras e investigadores, e sortearanse dúas tabletas electrónicas. Os premios terán dúas categorías, unha para o público infantil e outra para o adulto.
Esta actividade está co-financiada pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

PUBLICIDADE