AtlantTIC entregou un dos premios COIT á mellor traxectoria académica de Enxeñaría de Telecomunicación
luns, 26 de outubro do 2015
- Ignacio de Gorostidi e Miguel Álvarez, responsábel de Innovación de AtlantTIC, na gala de entrega dos XXXV Premios Ingenieros de Telecomunicación
O Centro de Investigación
AtlantTIC da Universidade de Vigo vén de dar a coñecer a súa
participación (o 16 de outubro) na máis recente convocatoria (a
número 35) da versión estatal dos nosos premios do 25 de setembro
(os
que entrega AETG-COETG no marco da Noite Galega das
Telecomunicacións). Falamos pois dos Premios Enxeñeiros de
Telecomunicación que impulsan e outorgan as entidades estatais
Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación e Asociación
Española de Enxeñeiros de Telecomunicación. Neste certame estatal,
dirixido a salientar e visualizar o traballo desenvolvido polos
enxeñeiros durante os seus estudos, AtlantTIC
entregou un dos premios á mellor traxectoria académica en Enxeñaría
de Telecomunicación a Ignacio de Gorostidi Colás, licenciado en
Enxeñaría Superior de Telecomunicación pola Universidade de
Sevilla.
O galardón achegado polo
centro galego insírese no seu compromiso por fomentar a excelencia
do capital humano no hipersector TIC. Gorostidi, pola súa banda,
amosou o seu agradecemento ao devandito Colexio Oficial e máis a
AtlantTIC, e máis tendo en conta que o recoñecemento devandito de
mans das ditas entidades, sinalou, podería facilitarlle nun futuro a
volta á súa terra (arestora traballa en Reino Unido) para seguir
desenvolvendo o seu labor de investigación máis preto das contornas
educativas e empresariais que lle serviron de palestra profesional.
Por certo que na gala do
Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación tamén se
recoñeceu a importante contribución tecnolóxica da investigadora
galega Mónica Portela, enxeñeira de Telecomunicación pola
Universidade de Vigo e investigadora de AtlantTIC, que, como
sinalamos hai uns días dende Código Cero, foi galardoada nesta
edición co Premio Astellia á Mellor Traxectoria Académica en
Enxeñaría de Telecomunicación. Trátase, como lembraremos, do
segundo galardón que premia a traxectoria académica de Portela, que
xa en 2013 obtivo o Premio Fin de Carreira da Xunta de Galicia pola
enxeñaría técnica; mentres que este novo galardón corresponde á
enxeñaría superior.
Volvendo ao certame no
que participou AtlantTIC, sinalar que a convocatoria dos Premios
Enxeñeiros de Telecomunicación do COIT consta de tres categorías
cun total de 33 enxeñeiros premiados: o galardón á mellor tese
doutoral, cun premio valorado en 2.000 euros; ao mellor proxecto fin
de carreira ou traballo fin de máster, cunha dotación económica de
1.000 euros; e o premio á mellor traxectoria académica en Enxeñaría
de Telecomunicación, valorado tamén en 1.000 euros. Ademais, todos
os premiados, un total de 33 enxeñeiros, obteñen un ano de
colexiación e asociación de balde.