AtlantTIC e Gradiant participan nun proxecto europeo para loitar contra o crime na Rede con Intelixencia Artificial

xoves, 15 de xullo do 2021 S. P.

Loitar contra o crime e o terrorismo na Rede botando man da Intelixencia Artificial. Este é un dos grandes cometidos do proxecto europeo Uncover, Development of an efficient steganalysis framework for uncovering hidden data in digital media, habilitado para facilitar ás axencias europeas de seguridade (LEA) a detección de información oculta en datos de aparencia inocente como imaxes, vídeos, audios e arquivos de texto que circulan en calquera tipo de contorna dixital. A iniciativa terá notábel contribución galega, posto que participa nela a Universidade de Vigo (con toda a experiencia do seu centro AtlantTIC en Intelixencia Artificial) e máis o Centro Tecnolóxico Gradiant.
Financiado pola Comisión Europea con 6,9 millóns de euros dentro do programa Horizonte 2020, o proxecto está coordinado pola Real Academia Militar de Bruxelas e suporá a colaboración dun consorcio integrado por 22 socios de nove países, entre eles, as principais axencias europeas de seguridade, institutos forenses e investigadores líderes neste eido que traballan en oito universidades e institutos de investigación, entre eles o Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións, GPSC, da agrupación estratéxica AtlantTIC da UVigo, e varias empresas.
Un dos puntos onde vai poñer o foco será no ámbito da esteganografía, unha técnica de ocultación de información en arquivos multimedia dixitais de aparencia inocente, buscando aumentar de xeito significativo a autonomía das axencias de seguridade á hora de detectar este tipo de arquivos. O proxecto arrincou en maio e terá continuidade ao longo de 36 meses.

O investigador e catedrático Fernando Pérez forma parte do proxecto

Desde a Universidade de Vigo dirixe o proxecto o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Fernando Pérez, que fai saber que o gran cometido do seu grupo será “aplicar técnicas de análise forense de contidos (imaxes e vídeo) como preprocesado para detectores estenográficos específicos, isto é, detectores de comunicacións secretas escondidas en contidos multimedia. Segundo indica, “estes detectores especialízanse en función da historia previa de ditos contidos”.
Xunto a el formarán parte do equipo de investigación de Uncover na UVigo, o profesor Pedro Comesaña e os investigadores Elena Rodríguez e David Vázquez. O grupo contará con máis de 300.000 euros de financiamento, parte que lle corresponde á universidade galega do total do proxecto.
Xunto ao grupo GPSC de AtlantTIC, outro dos socios españois do proxecto é o Centro Tecnolóxico Gradiant. Neste caso, o centro galego liderará unha das actividades de investigación deste proxecto traballando tamén con tecnoloxías de análise forense. O obxectivo será desenvolver unha ferramenta (baseada en tecnoloxías de Machine Learning) que permita obter información dunha imaxe e localizar determinadas trazas inseridas por ferramentas de esteganografía, buscando mellorar de xeito considerábel a información achegada polas ferramentas de estegoanálise. Así mesmo, os especialistas de Gradiant traballarán noutra da actividades de Uncover con Intelixencia Artificial e tecnoloxías de procesado de linguaxe natural (PLN) para deseñar un novo método de detección de estegoanálise de texto.

PUBLICIDADE