AtlantTIC e AMTEGA impulsan a loita anti-incendios a través de radares meteorolóxicos

mércores, 20 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

Os galegos e portugueses temos, por desgraza, algo máis ca unha cultura e un alicerce común: temos unha política forestal que foi parella durante anos e que, agora, co cambio climático, deixa de manifesto as súas eivas (proliferación de eucaliptos, falta de regulamento na distribución das áreas forestais, etc) e as súas desproteccións. Isto traducirase, se nada cambia, en máis lume e en máis episodios dramáticos como os acontecidos esta tempada en ámbolos países irmáns. O problema agrávase co despoboamento (outro proceso compartido) do rural e cunhas comunicacións que non foron desenvolvidas para este tipo de emerxencias. Tendo en conta estas circunstancias comúns, a Universidade de Vigo, a través do centro AtlantTIC (Grupo de Sistemas de Radio), impulsou a posta en marcha do proxecto europeo Lifetec, que tamén lidera.
A iniciativa, que bebe das fontes de Meiga, proxecto previo para tirar proveito das TIC no achado e loita contra os lumes, pon en xogo elementos eficaces para que o tempo que se adica a localizar incendios e combatelos sexa o mínimo posíbel. En Lifetec tamén participan a AMTEGA, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (Meteogalicia), o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA) e operador público galego RETEGAL.
Segundo nos contan as entidades responsábeis de Lifetec, o proxecto aborda dúas grandes vertentes de traballo: primeiro, unha adicada a diminuír o tempo de detección do lume, mediante radares meteorolóxicos, e segundo, outra encamiñada a incrementar a seguridade dos recursos humanos que traballan na extinción de incendios, mediante a localización dos mesmos e a transmisión da súa posición e posíbeis alarmas por incidencias, a través dunha rede radio con cobertura de abondo nas zonas nas que operan estes efectivos.
Como dixemos, o proxecto está liderado polo Grupo de Sistemas de Radio e conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e unha duración de tres anos, de xeito que os primeiros resultados e implantacións en campo están previstos para o ano 2019. Entre os principais puntos fortes da tecnoloxía de Lifetec atópase a súa capacidade para contar con máis información precisa e con intervalos mínimos de actualización, e tamén o seu potencial para ficar plenamente operativa aínda en condicións atmosféricas adversas. De feito, o sistema posto en xogo por AtlantTIC sería quen de “ver” os lumes dende o seu inicio, achegando un importante factor de “detección temperá” que non sería posíbel cos recursos actuais empregados polos radares meteorolóxicos. Isto conséguese co desenvolvemento de algoritmos específicos de detección.
O incremento da seguridade dos recursos humanos que traballan na extinción dos lumes forestais en áreas nas que a cobertura dos sistemas de comunicacións comerciais é a miúdo deficiente, a través do emprego de sistemas de comunicacións Tetra (TErrestrial Trunked RAdio), é outro dos obxectivo do proxecto Lifetec. Segundo explica o catedrático Manuel García, membro do proxecto, “Tetra é un estándar europeo de comunicacións móbiles dixitais non comerciais e ao igual que o GSM, que foi o primeiro estándar europeo de comunicacións móbiles comerciais, estendeuse a numerosos países de fóra de Europa”. Deste xeito, fronte a telefonía móbil comercial, a cobertura que pon en xogo a dita tecnoloxía é mellor, “debido a que se utilizan frecuencias máis baixas”. E engade: “Fronte aos sistemas analóxicos a vantaxe é que a tecnoloxía dixital permite algunhas prestacións adicionais, como o cifrado das comunicacións”. Segundo explica, é necesario que as accións eficientes e coordinadas dos corpos de bombeiros dispoñan de sistemas de comunicación fiábeis.

PUBLICIDADE