AtlantTIC contribúe ás comunicacións seguras a proba de avances tecnolóxicos futuros

luns, 11 de decembro do 2017 Redacción

O investigador da Universidade de Vigo e de AtlantTIC, Marcos Curty

Como facer que unha comunicación cuántica sexa segura hoxe e mañá. Este é un dos grandes retos dos expertos en protección dixital dos nosos días: como evitar que os avances tecnolóxicos futuros deixen vía libre para o descifrado de datos altamente sensíbeis a través, tamén, de computadores cuánticos? Segundo nos conta a Universidade de Vigo, un dos máis recentes achados neste eido acaba de ser publicado pola revista Nature Communications e está asinado por Marcos Curty, investigador do Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas do Centro AtlantTIC (UVigo), en colaboración coa empresa Toshiba e as universidades de Cambridge e Edimburgo. O artigo, titulado Experimental measurement-device-independent quantum digital signatures, está co-asinado por expertos de Toshiba Research Europe, que se encargaron da parte experimental e do hardware, e por investigadores do Departamento de Enxeñaría da Universidade de Cambridge e do Instituto de Fotónica e Ciencias Cuánticas da Universidade de Edimburgo. Estes investigadores, xunto con Curty, colaboraron na parte teórica do traballo.
A investigación afonda no emprego e nas posibilidades da criptografía cuántica, que emprega principios da mecánica cuántica, para garantir a absoluta seguridade da información transmitida. Este nivel de seguridade, sinalan os investigadores, é tan alto que, a día de hoxe, non podería ser quebrantado “nin con toda a capacidade computacional existente”. Porén, o estudo achega unha serie de claves importantes para asegurar que este nivel de confidencialidade sexa un nivel a proba de avances futuros.
O artigo publicado en Nature Communications presenta unha nova tecnoloxía que permite comunicacións cen por cen secretas a través de nodos de comunicación non-confiábeis e sen que os nodos poidan acceder á información transmitida. Igualmente, permite (por primeira vez) que os usuarios dunha rede poidan comunicarse “de maneira segura cos nodos da mesma para realizar por exemplo actualizacións de software”. Segundo Curty, isto implica un avance importante, xa que até de agora, en topoloxías de rede tipo estrela, non se podía integrar e pór en marchar (sobre o mesmo nodo/equipo central) un servizo de comunicación cuántica segura entre usuarios, e ao mesmo tempo, ofrecer unha comunicación cuántica segura entre os usuarios co nodo central polas mesmas canles físicas. Neste traballo proponse e demóstrase que é factíbel nunha topoloxía de rede tipo estrela para as futuras redes de comunicacións cuánticas multiusuario.
Como exemplo das posíbeis aplicacións desta tecnoloxía, os investigadores empregaron a rede para transferir datos de xeito confidencial entre os diversos usuarios e nodos da mesma, así como para realizar sinaturas dixitais “de maneira incondicionalmente segura”.

PUBLICIDADE