AtlantTIC celebrará en Abu Dhabi o seu segundo obradoiro sobre redes sen fíos cooperativas

luns, 20 de xullo do 2015 Redacción

O centro tecnolóxico AtlantTIC (Universidade de Vigo) vai celebrar entre o 19 e o 21 de outubro o seu segundo obradoiro de traballo (workshop) internacional sobre redes sen fíos cooperativas. A actividade (Second International Workshop on Cooperative Wireless Networks, CWN 2015) desenvolverase no marco da onceava edición da conferencia WiMob (International Conference en Wireless and Mobile Computing, Networking and Communications), que se celebra en Abu Dhabi (Emiratos Árabes Unidos). O obxectivo deste workshop de AtlantTIC é brindar un espazo a técnicos e investigadores no que presentar novas ideas e contribucións no ámbito das redes sen fíos cooperativas, “un elemento clave para o avance da Internet do Futuro”.
Segundo avanzan dende o centro vigués, os conceptos de traballo en grupo pódense aplicar a unha ampla gama de tecnoloxías, sistemas e aplicacións, e as tecnoloxías que nos ceiban do cableado e que forman parte dunha simplificación e dunhas meirandes racionalidade e rendibilidade do desenvolvemento da Internet, non son unha excepción. Así, as metodoloxías de colaboración son de especial interese (sinala AtlantTIC) para lograr un uso eficiente do espectro (radio cognitiva), a extensión da cobertura das redes (diversidade cooperativa, retransmisión multi-salto), un mellor rendemento e fiabilidade (codificación de rede, protocolos cros-layer) e máis seguridade para o usuario (redes vehiculares, redes de emerxencia), entre outros aspectos.
Como novidade nesta edición, incorpórase ao conxunto de temas de interese a cooperación en redes definidas por software. Os organizadores convidan a todo tipo de investigadores para que contribúan no obradoiro cos seus proxectos técnicos sobre a temática da redes cooperativas sen fíos e cuestións directamente relacionadas (comunicacións cooperativas, cooperativas en 5G, cooperación en software de redes ou redes de sensor, etc).

PUBLICIDADE