AtlantTIC amosará ante as empresas os beneficios das redes 5G en colaboración con Cradlepoint

luns, 6 de febreiro do 2023 S. P.

A Universidade de Vigo (centro AtlantTIC) impulsa a investigación sobre as vantaxes das redes privadas de última xeración a través das solucións de Cradlepoint, firma internacional centrada en redes sen fíos LTE e 5G entregadas na nube. Máis en detalle, o Laboratorio 5G de AtlantTIC conta coa tecnoloxía de Cradlepoint para estudar os diferentes beneficios que as redes privadas poden achegar ás empresas españolas, mostrando casos de uso ao redor do campus, así como simulando un escenario idóneo onde se mostren novos exemplos concretos de aplicación destas redes.
No proxecto tamén participa a Xunta, a través da axencia AMTEGA e do operador público autonómico RETEGAL. A súa orixe está no empuxe experimentado pola evolución das redes privadas e no interese que estas suscitan, ao que se suma a vontade de saber até onde poden chegar as redes 5G á hora de conectar maquinaria, robots, e todos os procesos de automatización das empresas.
Cradlepoint explica que “un caso común dentro das empresas de calquera sector é que o seu Wi-Fi teña problemas de escalabilidade, é dicir, problemas ao soportar un gran número de dispositivos, de cobertura, debido ás restricións impostas por usar unha frecuencia compartida; así como de mobilidade, ao facer o cambio dunha antena a outra (handover)”. En contraposición, engade a compañía, “as redes privadas permiten que o número de antenas necesarias sexa moito menor que nunha rede Wi-Fi, que a mobilidade sexa unha parte central da solución e que os dispositivos conectados non teñan colisións ao transmitir ou recibir datos”.
Felipe Gil Castiñeira, profesor titular da Escola de Enxeñería de Telecomunicación e investigador de AtlantTIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación impulsado pola Universidade de Vigo) recoñece que “o sector industrial enfróntase continuamente á necesidade de ser máis competitivo. O paradigma da Industria 4.0 propón conseguir a mellora do sector grazas á obtención e a análise de máis información e de forma máis rápida. As tecnoloxías de comunicación 5G e as súas futuras evolucións son elementos clave para dotar ás máquinas e ás persoas tanto coa capacidade de enviar esa información, como de analizala e recibila”. E engade: “Neste escenario, a colaboración con Cradlepoint permítenos traballar con produtos comerciais punteiros e de alta calidade para redes industriais privadas 5G”.
Grazas a este proxecto académico, explican, será factíbel mostrar os beneficios que as redes privadas poden achegar a industrias verticais (como a automoción), dotar de dinamismo ás redes, ademais de mellorar e validar as estratexias de slicing, edge computing, reconfiguración dinámica das redes, orquestración, etc. Segundo o Laboratorio 5G, Cradlepoint é “agora mesmo unha das poucas empresas que está a achegar solucións que cumpren estas características”. Ademais, engaden, os seus routers permiten comprobar tanto as prestacións das redes privadas nas contornas de proba, como comprender mellor as características (en canto a comunicación) dos distintos casos de uso e escenarios que se avalían.
A Universidade de Vigo desexa, liderando este proxecto, mostrar os beneficios que pode achegar o uso das redes PCN dentro de sectores locais como a loxística, a industria, a administración pública, o comercio, a sanidade e a hostalería.
Daniel Morros, enxeñeiro de vendas en Cradlepoint Iberia engade: “Actualmente en España utilízanse redes Wi-Fi para todo tipo de aplicacións, aínda que non sempre garanten unha boa comunicación en zonas extensas, con gran número de dispositivos ou nas que é necesario asegurar a calidade dos servizos. Grazas a Cradlepoint é posíbel dispoñer dunha maior calidade de servizo, así como ofrecer servizos diferenciados ás comunicacións máis críticas por medio do network slicing. Durante este proxecto existen intereses secundarios por parte da institución pública, como facer un handover a unha rede comercial e manter conectividade fóra da rede privada ou usar esta tecnoloxía para mellorar a produtividade en fábricas de automoción, incrementar a automatización e ter mellor control sobre os procesos industriais”.
Á súa vez, Lorenzo Ruggiero, director de área para Europa Meridional de Cradlepoint, conclúe que “as universidades son un extraordinario viveiro de talento e innovación para calquera ámbito, incluído o mundo das ITC. A 5G, a primeira xeración de tecnoloxía sen fíos que ofrece aplicacións moito máis alá do uso exclusivo do consumidor, é unha ferramenta ideal na dixitalización da sociedade. E, nese marco, as redes privadas tamén están a cobrar forza porque permiten acceder a unha cobertura móbil 5G de alto rendemento en interiores e exteriores, o que as fai especialmente axeitadas, por exemplo, para o sector industrial e para os campus educativos. Por iso, para nós é un orgullo colaborar coa Universidade de Vigo no desenvolvemento de proxectos de innovación 5G“.
Por certo que a investigación nestas tecnoloxías está na orixe da xornada que preparou AtlantTIC para este 16 de febreiro, en streaming e a partir das 18.00 horas.

PUBLICIDADE