AtlantTIC amosa tecnoloxías de seu para rendibilizar a pesca e o marisqueo
martes, 23 de setembro do 2014
Co gallo de crear un sistema de
transferencia tecnolóxica entre centros e PEME no Espazo Atlántico
nace STAMAR, un proxecto no que participan nove socios dos diferentes
estados participantes no programa: Reino Unido, Irlanda, Francia,
Portugal e España. O dito proxecto -que conta cun orzamento total de
1.341.881,82 euros- celebraba hai un par de semanas a súa primeira
reunión, que tiña lugar en Santiago de Compostela. Á
dita xuntanza acudían AtlantTIC
e varios centros de investigación, tecnolóxicos e empresas con
experiencia no sector marítimo, co obxecto de xerar máis
competitividade e capacidade de innovación das PEME do sector.
AtlanTIC presentou algunhas das liñas nas que está a traballar
arestora cun meirande potencial de transferencia para as empresas
deste tecido.
Liñas como a da teledetección
ambiental, que permite, por exemplo, detectar residuos de verteduras
mariñas soterrados nas praias ou facer un seguimento dos cultivos
marisqueiros. Asemade, outra liña de traballo é a visión
artificial, aplicábel na pesca, na acuicultura e na transformación
de materia prima nun produto elaborado como latas de atún ou
pauciños de peixe. Esta tecnoloxía desenvolvida no centro xa está
en marcha e incorporada á industria para o seu uso en aplicacións
como a clasificación de capturas, discriminación de ovas ou cálculo
e detección temperá de crías.
Por último, dicir
que STAMAR nace como resposta á necesidade de perfilar nas rexións
do Espazo Atlántico un sistema de transferencia que funcione con
eficacia e eficiencia e que conduza a uns resultados satisfactorios
tendo en conta as particularidades das PEME que operan en mercados
locais. Con este proxecto europeo preténdese mellorar a
competitividade e a capacidade de innovación das PEME do sector
marítimo do Espazo Atlántico, favorecendo os procesos de
transferencia tecnolóxica a través da creación dun centro
transnacional demostrador das capacidades e tecnoloxías aplicables á
industria marítima onde se inclúan empresas e centros tecnolóxicos,
amais de ampliar a carteira de solucións tecnolóxicas ás que as
PEME do sector do mar poidan acceder.