AtlantTIC abre este venres a campaña de divulgación cidadá dos centros singulares da UVigo

martes, 12 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Os centros singulares de investigación da Universidade de Vigo abrirán de novo as súas portas á cidadanía a partir deste venres 15 de novembro, e farano ao abeiro da segunda edición do programa Divulgando Ciencia Singular. Estamos a falar do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlantTIC), o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (CINTECX).
Os centros desenvolverán ao longo dos meses de novembro e decembro un programa de actividades que permitirá coñecer de primeira man o traballo que se fai nestes centros. Segundo explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, “son centros con centos de investigadoras e investigadores que durante anos foron quen de captar decenas de millóns de euros en proxectos e contratos de I+D, de rexistrar ducias de patentes e sumar miles de publicacións, e malia todo ese esforzo dedicado e dos froitos recollidos, a sociedade apenas coñece nin recoñece a súa labor”.
De balde e previa inscrición na web cienciasingular.gal, calquera persoa, tanto adulta como nenos e nenas, poderá participar neste programa de actividades para toda a familia financiado pola Secretaría Xeral de Universidades.
Divulgando Ciencia Singular arrancará este venres 15 de novembro na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde, de 16.00 a 19.00 h, investigadoras e investigadores de AtlantTIC desenvolverán unha ducia de obradoiros e tres visitas guiadas a espazos destacados do centro. Segundo sinala Carlos Mosquera, director do centro de investigación, “aquí abórdanse numerosos retos da sociedade con tecnoloxías de telecomunicacións, en ámbitos como a saúde, o medio ambiente ou a seguridade en comunicación, estas tecnoloxías están presentes nas nosas vidas máis do que imaxinamos, ás veces de formas insospeitadas, e vemos necesario contribuír á súa difusión, xa que como sociedade necesitamos coñecer para opinar con criterio”.

PUBLICIDADE